“Inmunízate co galego” en Ponteareas

Nova edición de Correlingua 2021 dirixido á mocidade
A edición de Correlingua 2021 co evento “Inmunízate en galego” comezou na Coruña e agora chega a Ponteareas.

Ponteareas | A mocidade dos institutos de Ponteareas sumarase este venres ao Correlingua 2021, unha xornada que ten como lema “Inmunízate co galego”, para apelar á defensa do galego fronte ás linguas maioritarias, á cultura dominante, aos prexuízos lingüísticos e á exclusión social.

Cartaz do evento de Correlingua 2021.

A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, explica que en Ponteareas “acollemos este acto para que os rapaces e rapazas se vacinen fronte á vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”, e poidan así “sentirse orgullosos e orgullosas de falar e escribir na nosa lingua”.

O Correlingua chega a Ponteareas o vindeiro xoves coa actuación do Dúo Vaguedades. Isabel Risco e Fran Rei convértense en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal nun proxecto audiovisual que mestura humor e música e que propón unha revisión cómica de diversos aspectos que nos definen como galegos e galegas, así como dos fitos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural.

A actuación tamén será retransmitida por streaming a través da canle de youtube do Correlingua.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, e o de Mocidade, Miguel Bouzó, tamén destacan o proxecto e “dan os parabéns” a Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG Ensino, a Asociación Sociopedagóxica Galega, e as administracións públicas polo Correlingua, e afirman que iniciativas coma esta “son moi necesarias para que a mocidade coñeza o valor de contar cunha lingua propia”.

O Correlingua recibiu en 2016 o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua. O xurado considerou que merecía este premio por ter destacado no compromiso coa lingua, pola capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades.

Outros artigos