Inés Rey e o chef José Andrés destacan o compromiso social da Coruña durante a pandemia

A alcaldesa e o cociñeiro afincado en Estados Unidos visitaron esta mañá a Cociña Económica para agradecer o labor das 70 persoas voluntarias que participaron na iniciativa “Chefs for Spain” repartindo 41.000 menús ás familias máis vulnerables


A Coruña | A alcaldesa, Inés Rey, e o cociñeiro José Andrés visitaron esta mañá as instalacións da Cociña Económica, onde agradeceron ás 70 persoas voluntarias o labor levado a cabo durante a crise sanitaria provocada pola Covid 19 a través da iniciativa “Chefs for Spain”. Tanto a rexedora como o
prestixioso cociñeiro destacaron o compromiso social da cidade durante a pandemia.

A alcaldesa, que estivo acompañada da concelleira Yoya Neira, aproveitou o encontro co chef para subliñar o traballo realizado pola concellería de Benestar Social: “O labor de Servizos Sociais foi inmenso, é un orgullo para toda a cidade; fixemos un esforzo inxente, traballando 24 horas, habilitando un albergue para as persoas sen teito, repartindo menús, atendendo ás persoas maiores dependentes e incluso axudando ás nenas e aos nenos coas tarefas escolares”.

Tamén puxo de relevo o papel realizado polas entidades sociais e asociacións coas que o concello traballou durante estes meses, pois “sen a súa colaboración sería imposible axudar a tantas persoas”. Engadiu que esta crise soubo sacar o mellor de todos nós e agora debemos manter este labor solidario, “porque aínda hai moitas familias que nos necesitan”.

Na visita a Cociña Económica tamén estiveron presentes os cociñeiros coruñeses que lideraron na cidade o proxecto “Chefs for Spain”: Juan Crujeiras, do restaurante Bido; Iván Domínguez, de Nado; Álvaro Victoriano, de Peculiar, e Tito Fernández, do hotel Finisterre, que cedeu a súa cociña para a elaboración e envasado dos menús. A alcaldesa e José Andrés quixeron agradecer o traballo de todas as persoas voluntarias que participaron nesta iniciativa, en que se repartiron 41.000 menús solidarios ás familias que se atopaban nunha situación vulnerable.

O persoal responsable do Banco de Alimentos foron os encargados de repartir os menús preparados nas cociñas do hotel Finisterre ás distintas asociacións, entre elas Pais Franciscanos, Feafes Galicia, Renacer, Reto de Esperanza, Remar, comedor social de Monte Alto e Cociña Económica. Ademais das 70 persoas voluntarias entre cociñeiras/os, camareiras/os e persoas anónimas alleas ao mundo da hostalería, tamén participaron na distribución e repartición de menús voluntarias e voluntarios do Concello da Coruña.

José Andrés está estes días visitando distintas cidades nas que se levou a cabo o proxecto para coñecer de primeira man as necesidades de cada cidade, e saudar e agradecer o traballo das e dos voluntarias/os.

Publicado o 7 Xuñ 2020 en A Coruña, Gastronomía, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!