Ponteareas | Ponteareas inaugurará o seu recentemente remodelado skatepark. O Concello organiza o vindeiro luns 3 de abril unha xornada de cultura urbana coa que se estrearán as instalacións, reacondicionadas polo Goberno municipal co obxectivo de dotar ao skatepark situado no Parque das Pombas de maior atractivo e diversión, aumentando así o número de usuarios e usuarias que gocen deste novo espazo.
Con estas obras de remodelación, o Concello executou unha nova proposta de deseño das instalacións, creando novos elementos de formigón in situ, recolocando algúns dos elementos de pedra existentes e reenchendo o half co que se contaba.
“Traballamos para dar resposta ás demandas dos usuarios e usuarias, que reclamaban unhas instalacións melloradas con maior variedade de elementos para as diferentes disciplinas e colocados noutra disposición para un maior entretemento”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández, que sinala que serán moitas as mozas, mozos e familias que empregarán dende agora este novo skatepark. “Con este equipamento ampliamos a nosa oferta de instalacións deportivas e de lecer para que a mocidade non teña que desprazarse a outros lugares e reforzamos Ponteareas como un magnífico lugar para vivir”, salientou a alcaldesa.
Co soterramento do half logrouse aumentar a superficie de rodadura dispoñíbel para os e as usuarias e facer unha pista máis segura. Tamén se formaron varios Quarter de diferentes dimensións, creouse unha duna de 4,8 metros de diámetro e deseñouse un módulo composto por unha pirámide truncada cunha base superior en forma de caixón, cun rail, cun chanzo e cun elemento de pedra. Ademais, realizouse un rail de 4 metros de lonxitude, colocáronse novas pezas de granito similares á que xa existía para conseguir unha óptima circulación e dotouse á pista dunha rampla para que sexa accesíbel dende o exterior.
O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a participar na xornada de cultura urbana inaugural, unha tarde con ambiente festivo que contará con diferentes exhibicións de skaters de gran nivel e cun obradoiro no que calquera persoa poderá dar os seus primeiros pasos con patíns e proteccións que facilitará o propio Concello.
“O público poderá desfrutar destas renovadas instalacións coas que seguimos apostando por fomentar un estilo de vida máis saudábel e aproveitar os espazos ao aire libre para o lecer das mozas e mozos”, recalca o edil.