Imaxe da represión e depuración franquista no maxisterio pontevedrés na prensa

Análise de Anxo Serafín Porto Ucha Mª Raquel Vázquez Ramil en A Peneira (2001-2003)

Neste especial das Letras Galegas queremos destacar un traballo de análise global e imaxe na prensa realizado por nós, en concreto, nas páxinas de A Peneira, entre 2001 e 2003. O tema que presentamos ten moito que ver coa Escola durante a Segunda República. Tamén co que veu despois. Trátase dunha temática que enlaza, dalgún xeito, coa Institución Libre de Enseñanza, que este ano celebra o 150 aniversario da súa creación (1876).

Entre as sancións do profesorado figuran os traslados fóra da rexión. Francisco Morente Valero en “La depuración del Magisterio Nacional” (1997) destaca o feito de que os traslados fóra da rexión tiveron moito que ver coa cuestión lingüística, máis acusado no caso catalán e vasco, e en menor medida na Galiza. Nestes traslados fóra da rexión, en Pontevedra recollemos nun principio 16 sancionados: Fermín Blanco Alfaya (a Palencia) Segundo Eiras Abad (a Palencia), e Xesús Garrido Álvarez (tamén a Palencia, todos o día 11 de xullo de 1937); Xosé Mª Álvarez Blázquez (a Zamora), Emilio Álvarez Gallego (a Cáceres), Marina Lago Búa (a Zamora), Corona Rodríguez Rodríguez (a Ávila), Xosé Ron Cabarcos (a Salamanca) e Victoriano Taibo García (a Valladolid), todos o día 5 de xaneiro de 1938. Luciano del Río Besada, Gonzalo García Guiance, Xoaquín Martínez Pereira, Vicente Otero Ulloa, Isolina Nogueira Barrenechea, Xoán Paz Sueiro e Antonio Pintos Míguez, en 1940. Deste mesmo ano 1940 temos recollido 17 máis (Porto Ucha e Vázquez Ramil, 2021: 96-100), que suman un total de 33 (27 mestres e 6 mestras): María Aguiar Piñeiro (a Soria), Peregrina Besada Álvarez (a Soria), Anxelina González Rodríguez (a Soria), Benito Carballo Carballo (a Soria), Luís Carragal Peón (a Soria), Santiago Casado Redondo (a Soria), Cesáreo Feijoo Soto (a Soria), Xoaquín Ferrándiz Fernández (a Burgos), Xosé Ramón Gamallo Silva (a Valencia), Hixinio García Blázquez (a Valencia), Dámaso Giráldez Piña (a Valencia), Rafael González Adrio (a Soria), Darío Moreiras Cabanelas (a Valencia), Uxío Rodríguez Rodríguez (a Valencia), Antonio Soto Martínez (a Burgos), Víctor Toutiño López (a Burgos) e Antonio Vidal Provenza (a Burgos). Estes traslados ían acompañados normalmente con outro tipo de sancións.

Aínda que levamos realizado un importante esforzo ao longo de todos estes anos por presentar o ocorrido na provincia de Pontevedra, nunca está todo controlado, incluso na realidade próxima. Non hai moito, recibimos de Guillermo Rodríguez, director de Foro A Peneira e Novas do Eixo Atlántico, noticias sobre un matrimonio que vivía en Nogueira (Ponteareas), que fora depurado. Trátase de Xosé Barco León, casado con Rosa Farrapeira López, alumna de maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, polo Plano Profesional da Segunda República.

Sorprendeunos porque nas nosas indagacións sobre os depurados e depuradas do concello de Ponteareas e arredores nunca saíran a relucir. Nun primeiro contacto cunha filla, Ana Barco Farrapeira, díxonos que seu pai, depurado e sen escola, para sobrevivir, puxera en marcha unha “molinera” na parroquia de Nogueira, e que logo tivera escola en Parderrubias (Salceda de Caselas) e Cabreira (Salvaterra de Miño), onde xubilou. Pero engadiu que seu pai fora mestre en distintos pobos da provincia ourensá, de onde procedía. Como a nosa investigación está centrada na provincia de Pontevedra, quedaba aclarado o asunto.

No caso da súa dona, Rosa Farrapeira López, foinos máis sinxelo de localizar, xa que no noso traballo anterior A Escola Normal de Pontevedra (1845-1940) (1994) figura, efectivamente, no número 39 das alumnas que remataron o período anterior ás prácticas escolares da quinta promoción do Plano Profesional da Escola Normal do Maxisterio Primario de Pontevedra en 1938. Foi compañeira de promoción da que sería despois inspectora de educación, Isidora Riestra Peinador (coñecida por Dorita Riestra). Con este dato, xa nos foi máis fácil localizala entre o alumnado do Plano Profesional que pasou pola depuración. No noso amplo estudo anterior citado Represión e depuración do maxisterio primario na provincia de Pontevedra. Análise teórica e estudo por partidos xudiciais, concellos e parroquias (1936-1942) (2021), Rosa Farrapeira López consta no Anexo final por orde alfabética como «alumna-mestra P. P., H (Estudios)», dos habilitados para continuar estudos, por Resolución do BOPP de 11-12-1940.

Este traballo é produto do noso compromiso común coa “Historia da Educación en Galiza” e co estudo dos procesos de formación docente do maxisterio primario. Tamén co valor da prensa local, neste caso, de A Peneira. Continúa unha liña iniciada por nós hai xa bastantes anos e que encontra oportunidade de renovarse hoxe coa conmemoración dos 150 anos de creación da ILE, un centro modélico que naceu da defensa da liberdade de cátedra e que morreu, sen desaparecer nunca, cando a liberdade foi arrancada de golpe por un sector dos militares en 1936.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.