III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural en Mondariz

Charlas informativas para a recuperación de terras abandonadas

Mondariz | Este evento, que se celebra na Biblioteca Municipal de Mondariz en horario de mañá e tarde, busca visibilizar iniciativas de recuperación de terras abandonadas a través de charlas informativas e experiencias de emprendemento agrogandeiro e agroalimentario no medio rural que inspiren aos veciños e ás veciñas.

Contará coa participación da directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, e da alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra González Álvarez. Presentaranse as iniciativas emprendedoras de Biochousa e Carabuñas.

Este sábado, 12 de novembro, están programadas as III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz. Nesta edición, as iniciativas de recuperación de terras abandonadas que se visibilizan xiran arredor de experiencias emprendedoras no territorio galego que poidan servir de inspiración para persoas e colectivos sociais que estean buscando oportunidades de desenvolvemento socioeconómico no medio rural.

Terán lugar nunha das salas polivalentes da biblioteca municipal de Mondariz. Durante a xornada de mañá (9:30h-13:30h) está programada a inauguración oficial a cargo do alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros. De seguido, representantes da Comunidade de Montes en Man Común de Pinzás (Concello de Tomiño) presentarán as súas experiencias de pastoreo, acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez.

Despois da pausa para o café das 11:00 horas intervirán o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, para falar de oportunidades de emprendemento no sector agroalimentario, e a directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, para presentar os instrumentos da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia.

Durante a xornada de tarde (17:00h-19:00h) darase especial protagonismo ás experiencias de desenvolvemento exitosas que podemos atopar no Concello de Mondariz e na súa contorna. Hermindo Álvarez e Sara Cifuentes, promotores da horta ecolóxica BioChousa na parroquia de Gargamala, presentarán o seu proxecto ás 17:00h; mentres que Eva González e Nelson Alonso, promotores de Carabuñas, falarán do sabugueiro como recurso alimentario e das oportunidades de desenvolvemento que hai arredor desta árbore ás 18:00h. As xornadas rematarán, como é habitual, cunha degustación de balde para as persoas asistentes.

Un evento aberto e gratuíto para inspirar o emprendemento local no medio rural
As III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz son un evento aberto e gratuíto que non require inscrición previa. Xurdiron no outono de 2019, por iniciativa da Alcaldía, dentro dunha estratexia política municipal para reflexionar colectivamente sobre a xestión do territorio desde a perspectiva do desenvolvemento socioeconómico sostible.

Naquela primeira edición, as charlas e as experiencias de emprendemento presentadas xiraron arredor da fruticultura e os produtos derivados da mazá, como a sidra. Despois de ser canceladas en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural foron recuperadas en 2021, cos froitos secos como tema principal. Nesta segunda edición, presentáronse iniciativas relacionadas co cultivo da abelá para a súa comercialización e transformación produtiva.

Licitación da rede municipal de alumeado público
O cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público é unha actuación estratéxica impulsada polo Goberno municipal que permitirá aforrar ata un 70% na factura eléctrica municipal, nun momento de prezos alcistas

Os catro proxectos licitados nas últimas semanas tamén inclúen a renovación dos cadros eléctricos e outros elementos da rede, polo que supoñen unha modernización integral a prol de mellorar o servizo público e reducir os custos de mantemento.

Este é o maior investimento que emprende o Concello de Mondariz nas últimas décadas. Implica un desembolso de millón e medio de euros financiado con fondos europeos FEDER nun 80%, así como un enorme traballo político e administrativo.

O Concello de Mondariz está chegando ás últimas fases do investimento máis ambicioso deste mandato e das últimas décadas. Instalar luminarias LED e mudar os cadros eléctricos de toda a rede municipal de alumeado público supón un desembolso total de case millón e medio de euros.

Esta semana licitouse o último dos catro proxectos nos que se dividiu a actuación, correspondente ás parroquias de Riofrío, Vilar e Frades, valorado en 337.196,17 €. O primeiro proxecto licitado, correspondente ás parroquias de Mouriscados, Meirol e Vilasobroso e valorado en 339.969,28 €, xa foi adxudicado; mentres que o proxecto correspondente á parroquia de Mondariz (370.461,50 €) terá empresa a partir do día 14, e o correspondente ás parroquias de Lougares, Sabaxáns e Gargamala (339.969,28 €), o día 24.

“Sacar adiante estes proxectos con fondos europeos foi un arduo traballo político e administrativo. Foi posible porque tiñamos as ideas claras e actuamos con decisión e valentía. Primeiro tivemos que presentar unha boa memoria para acadar o financiamento europeo e, unha vez concedido, asegurar o financiamento con fondos propios do 20% a través dun préstamo bancario e tramitar todas as autorizacións sectorias que eran necesarias para emprender as obras, e que tardaron meses en chegar”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “Xa completamos o traballo máis difícil, mais agora queda executar as obras e xustificalas antes do 31 de xullo de 2023”.

Por iniciativa do Goberno municipal, o Concello de Mondariz realizou todos os trámites de xeito independente e non recorreu a outras administracións, como a Deputación de Pontevedra, para mediar na solicitude deste programa do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Pola magnitude do investimento, durante os últimos tres anos tivo que levar a pleno varias decisións, como a solicitude de fondos europeos correspondentes ao período 2014-2020 en catro proxectos para aumentar as posibilidades de recibir axudas e actuar alomenos en parte da rede municipal de alumeado público ou a solicitude dun préstamo bancario para sufragar o 20% do financiamento con fondos propios sen ter que recorrer á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, coa que se están financiando principalmente obras de asfaltado e mellora do pavimento en camiños e estradas municipais.

Durante as sesións plenarias, ningún partido representado na Corporación Municipal se atreveu a votar en contra dun investimento crucial para a modernización dos servizos públicos da localidade, mais Alternativa por Mondariz mantívose sistematicamente na abstención e non houbo un apoio unánime a esta actuación.

“Somos un Goberno en minoría, con catro concelleiros, pero durante os últimos tres anos sacamos adiante proxectos de cambio e transformación para Mondariz valorados en centos de miles de euros que requiren un enorme esforzo político e administrativo, así como o apoio da Corporación Municipal. Témonos sentido moi sós, especialmente con esta actuación tan estratéxica para a modernización dos servizos públicos da localidade, que vai beneficiar sen excepción a todas as parroquias e vai supoñer un considerable aforro, ata un 70% segundo as previsións técnicas, na factura eléctrica municipal”, comenta Barros.

“Polo que se ten dito e votado nos plenos a teor deste investimento, parecía que algúns grupos políticos estaban desexando que fracasase para poder criticar ao Goberno. A pesar de que non foi doado, fomos quen de sacar adiante os catro proxectos e demostrar que, aínda estando en minoría, temos capacidade de xestión e sabemos gobernar”.