III Plan de Igualdade de oportunidades en Covelo

O Concello realizará unha xuntanza coa veciñanza o xoves 13 de outubro

O Covelo | Co obxectivo de fomentar a participación e deseñar o futuro do concello da man da cidadanía o Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar na reunión que terá lugar o vindeiro xoves día 13 ás 17 horas na sala de usos múltiples do edificio multiúsos do Concello de Covelo.

A concelleira de Igualdade, María Valiñas, anima a homes e mulleres a aportar ideas e suxestións para abodar xuntos o terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Covelo.

No marco dos anteriores plans de igualdade realizáronse diferentes campañas de concienciación e visibilización dirixidas tanto a nenos e nenas como aos adultos. Ademais no sitio web Covelo coa Igualdade podemos atopar diferentes recursos creados para acadar unha sociedade responsable e comprometida. O goberno de Covelo quere a cidadanía tome protagonismo e contribúa coas súas ideas a crear un plan a medida das necesidades actuais da nosa poboación, “trátase de facer un plan á nosa medida, que teña en conta as características da nosa poboación e do día a día da vida da cidadanía de Covelo”, engade a concelleira que agradece o intenso traballo e colaboración das profesionais do departamento de servizos sociais.

Axudas para a natalidade
Co obxectivo de apoiar ás familias o goberno de Covelo aproba por, sexto ano consecutivo, as axudas á natalidade. As familias que, nos seis meses previos á adopción ou nacemento, estean empadroadas no Concello de Covelo recibirán 500€ de axuda co compromiso de empadroar ao fillo ou filla.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que con esta medida, ademais, preténdese fixar poboación. “A oferta de servizos como a escola infantil cun amplo horario, o colexio con comedor escolar, a aula matinal para poder deixar aos cativos e cativas dende primeira hora da mañá e a oferta por parte da ANPA de actividades extraescolares lúdicas, didácticas e deportivas xusto no remate do horario escolar son parte dos apoios que as familias atopan no noso Concello para poder conciliar a vida laboral e familiar”.

Ademais, Castillo adianta que tamén se veñen de aprobar ás axudas para adquisición de material e libros. Esta axuda, que tamén se aproba por sexto ano consecutivo, vai dirixida ao alumnado de educación infantil.

Co obxectivo de contribuír nos gastos que supón a escolarización, o Concello de Covelo ofrece o seu apoio ás familias de rendas máis baixas que estean empadroadas no concello durante a totalidade do curso escolar.

Prema aquí para obter máis información e os formularios de solicitude