III Feira da Cabaza en Tui

Os días 28, 29 e 31 de outubro

Tui | A próxima fin de semana Tui volverá pór en valor os produtos da terra e as tradicións vinculadas ao outono coa celebración da terceira edición da Feira da Cabaza. O programa de actividades desenvolverase o sábado 28 e o domingo 29, así coma o martes 31.

Obradoiros de decoración de cabazas, demostración culinarias que terán neste produto a súa base, e mesmo un roteiro nocturno do Samaín forman parte do programa organizado polo Concello de Tui. E non faltará a exposición e venda de cabazas producidas en Tui. O edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada, acollerá as actividades previstas.

O programa comezará o sábado ás 17 h cun obradoiro familiar de preparación da cabaza de Samaín a cargo de Corazón de Carballo. Para participar deberase levar unha cabaza, ou mercar unha na feira, para logo decorala de forma terrorífica. Ao longo de dúas horas pequenos e maiores poderán derrocharán imaxinación nas súas creacións. Ao remate as persoas participantes, que poderán ir disfrazadas, farán un percorrido polo comercio local facendo “truco ou trato”. A entrada ao obradoiro é libre até completar o aforo.

Ás 20 h a cociñeira Gloria Domecq, xerente de Gloria Domecq Catering realizará unha demostración culinaria con receitas que terán na cabaza o seu ingrediente principal, que estará maridada con viños da zona e música.

O primeiro día pecharase cun espectáculo de Samaín, ás 23 h, con conxuro, queimada e música.

O domingo 29 a actividade comezará ás 11 h cun obradoiro de marmeladas artesanais a cargo de Amparo Grandío de Conservas Petiscos. Unha hora despois, ás 12 h haberá unha nova demostración culinaria na que o cociñeiro Judicael Romero de Vioncas Bakes, elaborará unha empanadilla con cabaza, e dende Calabizo prepararán distintas receitas con este produto realizado con cabaza. E coma sobremesa poderase degustar o xeado de cabaza por cortesía de Gu Gu Gelato Originale.

O público infantil terá unha nova cita o domingo ás 17 h cun obradoiro a cargo de Águeda Ubeira de Chupipostres no que elaborarán unha Mugcake de cabaza con chocolate, e trufas e bombóns variados tamén con cabaza. Está recomendado a partir dos 6 anos.

Pechando a xornada dominical, ás 19 h, as cociñeiras Inma López e Paola Giraldo do restaurante Beldade realizarán unha nova demostración culinaria maridada con viños da zona e música.

Para participar nos obradoiros de marmeladas e de Chupipostres e nas demostracións culinarias as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira, no teléfono 677 41 84 05, ou no correo turismo@tui.gal indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto.

Por último, o martes 31, ás 21 h realizarase un roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico con Barafunda Animación. Esta actividade realizarase en grupos de 14 persoas, que poderá ir disfrazadas, que sairán cada cinco minutos, sendo o último horario á 1 h. Consistirá nunha andaina nocturna na que coñeceremos o Conxunto Histórico de Tui, e nos sorprenderemos cos misterios que nel se agochan…

No percorrido atoparemos personaxes que nos contarán a historia e a vida deste lugar, pero tamén nos poderemos levar un bo susto. Non é recomendable para menores de 6 anos.

Os menores deben ir acompañados por un adulto. Ao remate haberá unha chocolatada. A inscrición, de forma gratuíta, pode realizarse en https://www.barafundaanimacion.com/Roteiros/Tui/ seleccionado o horario elixido.

Tamén o martes 31, ás 17 h, en colaboración con ACITUI, Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui “Vive o Samaín co comercio local” nun percorrido polo centro urbano con “truco ou trato”.

Esta III Feira da Cabaza agarda repetir o éxito de público acadado nas dúas primeiras edicións, coa posta en valor das nosas tradicións, produtos e gastronomía.

A feira realízase coa colaboración da veciñanza de Tui que produce cabazas, entre a que destaca Carlos “Picho” de Randufe, que protagoniza unha das campañas aceites Abril coas súas cabazas, precisamente promocionando esta feira.

Dende o Concello amósase tamén o agradecemento ao comercio e a hostalería local tamén se suman a esta III Feira da Cabaza decorando os seus escaparates durante a fin de semana, e ofrecendo pratos especiais confeccionados con cabazas nos seus menús.