II Concurso de Noveis Deseñadores DesfilaMos

Presentado pola Asociación de Palilleiras de Mos, que tamén exporá os seus traballos

Mos | Esta mañá no Pazo de Mos, a Asociación de Palilleiras de Mos presentou DesfilaMos, II Concurso de Noveis Deseñadores, e a mostra de encaixe con traballos da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño.

Na presentación, a presidenta das Palilleiras mosenses, Montse Pereira, estivo acompañada por integrantes da Asociación de Mos e da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño de Tui, pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Cultura, Turismo, Participación Cidadá, Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, demais membros da Corporación Municipal e da Fundación Pazo de Mos.

A exposición, hoxe inaugurada, permanecerá aberta ao público nas salas do Pazo de Mos ata o 7 de outubro. O horario de visita é de luns a sábado de 16.00 horas a 20.00 horas.

Por outra banda a segunda edición de ‘DesfilaMos’ terá lugar no Pazo de Mos o 17 de setembro e contará coa actuación de Cristian de Samil, mercado artesán desde as 12.00 horas do mediodía e desfile de firmas a partir das 20.30 horas. Tamén haberá música tradicional ás 13.00 horas con actuación do Grupo de Gaitas de Celado e ás 19.00 horas co Grupo de Gaitas Airiños do Castelo do CC Santa Eulalia.

As novas xeracións do deseño de moda teñen de novo a súa oportunidade no Concurso de Noveis Deseñadores convocado pola Asociación de Palilleiras de Mos por segundo ano consecutivo. A entrega de premios e desfile de exposición das coleccións presentadas a concurso realizarase na contorna do Pazo de Mos o 17 de setembro, nunha cita coa moda e o encaixe de bolillos bautizada xa na pasada edición como ‘DesfilaMos’.

A iniciativa ten o obxectivo de poñer en valor o encaixe no Camiño de Santiago, está organizada polas Palilleiras de Mos e en 2021 contou con preto de 300 persoas entre o público. Esta iniciativa enmárcase dentro dunha proposta da Asociación de Palilleiras de Mos na contorna do Pazo de Mos, que acollerá a semana que vén o desfile con prendas do Concurso de Noveis Deseñadores. Esta iniciativa das Palilleiras de Mos ten por obxectivo impulsar a vertente artística, tradicional e cultural do municipio, e tamén ser un revulsivo para a recuperación turística da zona tras as consecuencias da crise sanitaria da COVID-19.

AFAGA organiza andaina polo Día do Alzheimer
Afaga organiza en Mos unha andaina para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. Será o sábado 17 de setembro con saída desde o Pazo de Mos ás 10.00 horas.

O percorrido transcorrerá polo paseo do río Louro, cunha parada intermedia para proceder á prantación da ‘árbore da memoria’ como símbolo conmemorativo, e ao remate da andaina, charla titulada ‘Demencia no día a día’ impartida por Alba López, psicóloga sanitaria e Jesús María Andrea, terapeuta ocupacional.

A charla dará comezo ás 12.00 horas e ten entrada libre ata completar o aforo. Para a andaina é necesaria inscrición previa a través do teléfono 986 22 97 97.