Ian Gibson: “Amo Galicia e estou encantado de vir a Cans”

O célebre hispanista irlandés estreou documental no Festival de Cans
Ian Gibson diríxese ao público antes de estrearse o documental “Donde acaba la memoria”.

O Porriño | O hispanista Ian Gibson (Dublín, 1939) estivo este 2 de setembro na segunda xornada do Festival de Cans, abrindo oficialmente este certame audiovisual que no 2021 achegouse á súa XVIII edición.

Gibson chegou ao estreo no tradicional “chimpín” acompañado da súa esposa Carol.

A presenza do historiador irlandés levantou unha gran expectación no Porriño e particularmente na súa parroquia de Cans. Acompañado da súa esposa Carol, Gibson chegou ao Centro Cultural Municipal do Porriño no tradicional “chimpín” co que o Festival leva as súas personalidades convidadas. No traxecto puido igualmente deleitarse coa música galega a traves da banda de gaiteiros.

Gibson presentou en Cans o estreo do documental “Donde acaba la memoria” do realizador vigués Pablo Romero-Fresco e producida por Xavi Font, igualmente célebre por producir exitosos filmes galegos como “O que arde” e “Ons.

Numeroso público acudiu ao estreo do documental “Donde acaba la memoria”, de Ian Gibson, Pablo Romero-Fresco e Xavi Font, realizado no Centro Cultural Municipal do Porriño.

“Donde acaba la memoria” é produto dun traballo conxunto de máis de sete anos, onde Gibson replica no documental a viaxe do mítico cineasta Luis Buñel a Las Hurdes (Cáceres) que, en retrospectiva, supón tamén unha viaxe íntima a súa traxectoria de máis de medio século como historiador de España.

Acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, da alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, do director do Festival de Cans, Alfonso Pato e dos realizadores e produtores Pablo Romero-Fresco e Xavi Font, Gibson amosouse “encantado” de participar nesta edición do Festival de Cans, toda vez expresou o seu sentimento cara a nosa terra: “Amo Galicia e teño moi bos amigos aquí”.

Gibson (dereita) e a súa esposa Carol bailan unha tradicional muñeira coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en presenza da alcaldesa Eva García de la Torre.

Neste sentido, Gibson, que confesou sentirse “nervioso” co estreo do documental, tivo tamén unhas emotivas palabras de lembranza cara o seu amigo, o escritor tomiñés Xosé Luís Franco Grande, falecido en 2020.

Este 3 de setembro, Gibson terá un coloquio co público do Festival no Torreiro de Cans, onde falará dos pormenores do documental presentado hoxe.

Toda vez, Gibson repasará a súa prolífica traxectoria como historiador e hispanista, no que destacan os seus ensaios sobre Federico García Lorca, Antonio Machado e Salvador Dalí, sen esquecer diversos estudos sobre a España contemporánea.