I Torneo Jonathan Vila de Fútbol base no Porriño

Organizada polo Porriño Industrial CF a disputarse o 23 de setembro

O Porriño | O Complexo Deportivo Lourambal acollerá o vindeiro sábado 23 de setembro o I Torneo Jonathan Vila de Fútbol Base, organizado polo Porriño Industrial CF en colaboración co Concello do Porriño no marco das Festas do Cristo 23..
Como o seu nome indica, o futbolista porriñés será o padriño deste evento deportivo que congregará a un total de 41 equipos das categorías alevín, benxamín e pre-benxamín nas instalacións porriñesas.

A competición disputarase por categorías. No caso dos Alevíns e Benxamíns serán 16 equipos en cada unha, repartidos catro grupos de catro con Fase Final e Fase de Consolidación. Os Pre-Benxamíns serán 9 equipos, que disputarán o torneo en 3grupos de 3 e o resultado será por parciais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron esta mañá o torneo xunto co padriño, Jonathan Vila, a presidenta do Porriño Industrial CF, María Grazia Paniccia, e membros da directiva do club.

O rexedor, agradeceu ao club organizador o seu traballo “pola promoción do deporte entre os nenos e nenas do Porriño e por fomentar nos máis pequenos os valores do respecto, o esforzo e o compañeirismo”. Lorenzo mostrouse especialmente agradecido co padriño Jonathan Vila, a quen trasmitiu o “gran valor que ten a túa colaboración e presencia neste torneo xa que serás ese espello no que os pequenos poidan verse reflexados e a proba de que con constancia e ilusión poden conseguir chegar a onde se propoñan”.

Jonathan, veciño da parroquia de Budiño, iniciou a súa carreira con 8 anos no Porriño Industrial para despois continuar no RC Celta de Vigo. A día de hoxe este excelente centrocampista segue moi vinculado ao seu pobo e ao Porriño Industrial, onde segue participando en iniciativas deportivas como esta.

Vila debutou no RC Celta de Vigo en Primeira División ante o Levante, o 17 de decembro de 2006. A súa carreira continuou con Beitar Jerusalén, Real Oviedo, Recreativo de Huelva e Football Club of Pune City da India, finalizando a súa traxectoria no Coruxo FC.