I Pumptrack A Cañiza 2023

Será este 16 de xullo no recinto Comarcal Paradanta

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña, acompañado do Delegado Provincial da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez e Marcos Porto, responsable do Clube Pontebike Team e xerente de Sportskids, organizadores do evento, presentaron esta mañá no Concello esta 1ª proba da Copa de Galicia de PumpTrack .

Unha competición que arranca ás 11h no recinto do antigo Centro Comarcal Paradanta (rúa Silleda, coordenadas 42.20776839781508, -8.268103250607622), en 24 categorías e na que se espera unha participación superior aos 120 ciclistas.

A proba que se disputará este domingo na Cañiza é a primeira das catro competicións da Copa de Galicia de Pumptrack organizada pola Federación Galega de Ciclismo e que tamén celebrará o vindeiro 26 de agosto en Mondariz o Campionato Galego.

Na presentación desta mañá, o Alcalde Luis Piña agredeceu ao Delegado Provincial o apoio da Federación Galega de Ciclismo por “contar coa nosa instalación para inaugurar o calendario de competicións na especialidade de Pumptrack”. O Alcalde tamén agradeceu ao Clube Pontebike Team e a Sportskids, a través do seu responsable Marcos Porto, a implicación co Concello para poder organizar a proba deste 16 de xullo na Cañiza.

Na súa intervención o Alcalde volveu a amosar a súa ilusión, compartida co Equipo de Goberno, por celebrar esta 1ª Pumptrack, nunha instalación inaugurada o pasado 5 de xuño por Carmela Silva, que está tendo unha gran acollida por parte dos cañicenses e de deportistas de toda a comarca e da nosa área de influencia, Vigo e Ourense. “Dende a Gobernanza apostamos fortemente polo deporte urbano como un atractivo turístico máis dentro da Comarca, investindo nesta actuación un total de 340.602,22€, dos que 290.000,00 foron subvencionados pola Deputación Provincial a través do Plan Concellos 2022-2023 e os restantes 50.611,14€ con fondos propios”.

“Estamos orgullosos desta nova instalación deportiva e encantados de poder presumir do mellor conxunto de pumptrack e de skatepark de Galicia, que segundo afirman os deportistas expertos, ten a mellor rúa principal de skatepark de toda España”.

Unha dotación que segundo sinalou o seu deseñador, o técnico Álex Durán (responsable das probas do DMX do festival O Marisquiño), é o máis completo de toda Galicia. Unha infraestrutura que suma máis de 3.300 m2 para a práctica de deporte urbano, divididos no skatepark (1.820 m2), o pumptrack (715 m2), zonas verdes (744 m2) e unha zona de acceso (26 m2).

A presentación oficial rematou coa intervención de Óscar Sánchez, Delegado Provincial da Federación Galega de ciclismo que agradeceu tamén ao Concello “por ter apostado por esta disciplina, dirixindo parte dos investimentos municipais a construir esta nova instalación”. En nome da Federación desexou ao Concello un grande éxito na celebración da proba “que nesta especialidade toma na Cañiza a alternativa neste 2023”.

Ademáis tanto o Alcalde como os organizadores agradeceron a implicación neste 1º evento dos establecementos da Cañiza Camping Cañiza, apartamentos turísticos Augusto e Finca Briabí e tamén o apoio de Augas de Mondariz, Biziebike e Rocbikecustoms.

A competición deste domingo inaugura o calendario de probas da nova pista de deporte urbano, que tamén acolle o vindeiro 2 de setembro o Campionato BMX da Cañiza.