I Campionato de Europa IPPA de Pitch&Putt individual en Monforte

Máis de cen xogadores internacionais participaron nesta edición

Monforte de Lemos | José Tomé, alcalde de Monforte, fixo entrega dos trofeos do I Campeonato de Europa IPPA de Pitch&Putt individual, que se celebrou nas instalacións do Club Río Cabe de Monforte en Ribas Altas, e que reuniu a máis dun centenar de xogadores internacionais, ademais de técnicos, árbitros, delegacións oficiais e acompañantes.

Asistiron o presidente da Federación Galega de Golf, Mario Covelo López; o presidente do Comité de Pitch&Putt de la RFEG, Jesús Barrera Correal; o presidente do Comité de Pitch&Putt da Federación Portuguesa, Arnaldo Paredes, e o presidente do Club de Golf Río Cabe de Monforte, José Ángel Pérez Reñones, entre outros representantes da agrupación deportiva local.

Monforte recibiu para este campionato europeo de golf a 106 xogadores nacionais e internacionais, procedentes de España, Portugal, Ucrania, Inglaterra e Austria, que viñeron acompañados por familiares e amigos. Neste senso, o Alcalde destacou que o campionato “xerou un importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración e converteuse nunha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico da nosa zona”. Ademais, o evento coincidiu coa celebración do Festival de Viño da Ribeira Sacra de Monforte, “un complemento excepcional para a promoción de Monforte nos países de procedencia dos xogadores participantes”, destaca o rexedor.

Este campionato europeo que celebrou a súa primeira edición en Monforte está impulsado pola International Pitch and Putt Association (IPPA), que é a organización internacional que goberna e promove esta modalidade de golf, o Pitch&Putt, como deporte competitivo. O Alcalde indicou que para o Concello de Monforte “é un honor que esta entidade, encargada de promover o crecemento do Pich & Putt en todo o mundo, escollera a nosa cidade para celebrar un campionato como este, de alto nivel competitivo e, polo tanto, de gran repercusión deportiva, xa que trouxo á nosa cidade a xogadores e xogadoras de todas as idades e niveis: desde amateurs ata atletas especializados”.

O presidente do Club de Golf Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones, destacou a gran ambiente que se viviu durante estes días neste campionato de gran relevancia deportiva a nivel internacional e agradeceu o apoio do Concello de Monforte na súa organización, “unha colaboración fundamental para que se poida celebrar aquí”, indicou.

Así mesmo, os representantes das federacións galega, española e lusa destacaron a idoneidade da cidade de Monforte para acoller este tipo de eventos e destacaron o importante e imprescindible apoio do Concello de Monforte na organización de eventos desta categoría.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.