Humanización das rúas Bos Aires e Progreso no Porriño

Os traballos teñen un prazo de execución de 5 meses

O Porriño | O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe o inicio das obras de humanización e acondicionamento das rúas Buenos Aires e Progreso, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, técnicos do departamento autonómico de Infraestruturas e da empresa adxudicataria.

Os traballos, que contemplan a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano transformándoa nunha rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns, deron comezo hoxe e teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.

“Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila, reforzando a seguridade peonil, mellorando a accesibilidade e a estética e favorecendo a integración urbana, ademais de retirar o paso de vehículos pesados da zona”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos comprenden a intervención nun treito de case 700 metros desta vía, na que se reforzará a seguridade a pé dos vecinos, ademáis de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. En concreto, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación, na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada. Completarase a actuación coa dotación de mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademáis de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles. NO primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías dotren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita. No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta nunha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso. No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade. E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns.

Mellora de parques infantís
O Concello do Porriño avanza no seu obxectivo de acondicionar e mellorar todos os parques infantís. Os traballos, que abranguen 33 zonas de xogo do centro urbano e das parroquias, están a ser acometidos con varias vías de financiación, algún deles con fondos propios e outros con cargo a unha liña de axudas do Plan Concellos da Deputación Provincial que supón unha inversión de 228.000 euros.

Os traballos licitados contemplan sete parques do centro da vila nos que se están a acometer limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo cenráronse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns….) algúns dos cales foron substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.

En Torneiros estase a actuar en dous parques, no da fase II e no da fase III. Alí tamén se acometen reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se están a arranxar os bancos. Ademais, no primeiro deles estase a substituir o actual pavimento coa colocación dunha capa de area e no segundo será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.

Os outros parques que completan a lista son o da Escola Unitaria de Mosende e o de San Diego, na mesma parroquia. No da escola levarase a cabo unha recolocación dos elementos de xogo, que serán postos a punto; colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolerase o pavimento e realizarase un novo.

A superficie na que se actuará nestas sete áreas de xogos suman un total de 2.280 metros cadrados. A maiores, como xa dixemos, estas actuacións completáronse con melloras no resto dos parques sufragadas con fondos propios. Moitas delas xa executadas como o de Carracido, A Graña en Cans, Candosa, San Paio, A Guía, Vilafría, Cerquido, Orbenlle, A Forna, Sanguío, Devesa ou Costeira.

“Manteño o meu compromiso de facer do Porriño unha auténtica cidade da infancia e por iso a mellora dos parques infantís é unha prioridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Hai moitos nenos e nenas no pobo, non só no centro urbano, senón tamén nas parroquias e todos eles teñen que disponer de espazos seguros para xuntarse a xogar. Por iso non só acondicionaremos as existentes, senón que farei o preciso para habilitar novos parques para eles”.