Humanización da contona da Ermida de San Eleuterio en Mos

Xunta de Galicia e Concello destina 1,03 millóns€

Mos | A Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinan 1,03 millóns de euros á humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, en Tameiga, segundo o convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Nidia Arévalo.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, esta actuación ten como obxectivo converter a contorna desta ermida nun “espazo público de calidade no que se lle dará prioridade total aos peóns sobre os vehículos”. Nesa liña, acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. De feito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira puxo en valor a “colaboración estreita e coordinada” entre Xunta e Concello de cara a dotar ao municipio de espazos públicos de calidade. Así, desde 2019 xa se levaron a cabo outras actuacións ao abeiro desta iniciativa, como a mellora da urbanización e da pavimentación da urbanización de San Eleuterio e a humanización da contorna parroquial de San Mamede. E, a maiores, este mesmo mes de marzo, adxudicouse a mellora integral da urbanización de San Rafael.

As devanditas actuacións, xunto co proxecto asinado hoxe, supoñen un investimento global de 2,8 millóns de euros “para mellorar as contornas públicas e humanizar rúas e prazas desta localidade”, salientou Ángeles Vázquez.

Neste caso, as obras, cun prazo de execución previsto de 6 meses, consistirán na dotación de zonas verdes, na renovación completa do mobiliario urbano e na remodelación total da pavimentación da zona, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida de San Eleuterio, o cruceiro ou o peto de ánimas.

Cómpre lembrar que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Novas vivendas públicas
A conselleira tamén visitou a parcela de 2.000 metros cadrados que o Concello ten previsto ceder á Xunta para a construción de ao redor de 20 vivendas públicas na localidade, cun investimento inicial estimado de 3 millóns de euros.

Logo de explicar que, unha vez se formalice a xestión, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) procederá á redacción do correspondente proxecto, Ángeles Vázquez subliñou que o Concello xa está facilitando as inscricións dos interesados no rexistro de demandantes de vivenda, que é un requisito imprescindible para contar con vivendas de promoción pública.

Para concluír, a conselleira salientou que Mos é “un claro exemplo de concello comprometido cos seus veciños” ao dotar o municipio de espazos públicos de calidade e ao contribuír a garantir o acceso á vivenda a aqueles colectivos que máis dificultades teñen.