Horarios para os fogos das festas patronais do Covelo

Serán ás 12 e ás 21 horas do día 24 e de 10 a 13 horas o día 25

O Covelo | Co obxectivo de que todas as persoas propietarias de animais de compaña poidan tomar as medidas precisas, o Concello de Covelo informa que a tirada de fogos artificiais das festas patronais e do churrasco serán o día 24 ás 12 e ás 21 aproximadamente e o día 25 de 10 a 13 horas. O Concello agradece a colaboración e comprensión de todas a veciñanza para un bo desenvolvemento das festas e das actividades que se organizan ao longo do verán.

Visita ao serradoiro dos Carranos
A concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar nunha nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 23 de xullo e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán.

As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.

A organización oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O Concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada e pór en valor o patrimonio cultural e natural, ademais de fomentar hábitos de vida saudables. A inscrición está aberta ata esgotar as prazas no número de teléfono do guía de montaña e biólogo Julio Eiroa, 654.500.652.

O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo.

O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro.

A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro. http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html