
Oviedo | A asociación Día de Galicia en Asturias, presidida polo ourensán Manuel Fernández Quevedo, rendeu unha homenaxe a Javi Gómez Piera, o neno de oito anos ao que lle foi diagnosticado unha rara síndrome, chamado NEDAMSS, que lle afecta aos poucos á fala, á mobilidade e á respiración. O acto tivo lugar na sala de cámara do Auditorio Príncipe de Asturias, que se encheu para a ocasión.
Fernández Quevedo resaltou que leva a cabo “este acto con todo o noso cariño e ilusión e esperamos que coa nosa achega se poida lograr o diñeiro necesario” para lograr a terapia xénica que pode darlle unha esperanza. Para iso, a familia busca recadar 1,5 millóns de dólares.
Fernández Quevedo entregoulle o diploma que lle nomea socio de honra e a medalla da entidade. “Grazas porque con estes actos dádesnos forza. O exército de Javi está formado por unha chea de persoas que dades o mellor de vós mesmos. Grazas polo cariño que nos dades sempre”, concluíu a súa nai, Ana Piera. Na foto de Mario Canteli, Manuel Fernández Quevedo con Javi e a súa familia.




