Homenaxe da Banda Musical Xuvenil de Xinzo ao compositor Reveriano Soutullo

Exitoso concerto ante 150 persoas na sala multiusos do Auditorio
O concerto contou coa colaboración da Fundación Reveriano Soutullo.

Ponteareas | A Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebrou este pasado 24 de outubro, en colaboración coa Fundación Reveriano Soutullo, un concerto no que homenaxeou a figura do compositor e músico Reveriano Soutullo.

Unhas 150 persoas encheron a sala multiusos do auditorio Reveriano Soutullo para presenciar o acto, mentres outra gran parte do público seguiu a retransmisión en directo pola canle de YouTube da banda e pola emisora comarcal Radio Nove Galicia.

Rosa Arija Soutullo, presidenta da Fundación e neta do compositor homenaxeado, foi a encargada de abrir o acto e fíxoo destacando a relevancia do mesmo: “A Fundación quere poñer de relevo que o de hoxe non é un concerto máis, senón que é un moi especial, valioso, con moitísimo traballo detrás”.

A presidenta deixou en claro que o obxectivo da Fundación Reveriano Soutullo é reivindicar con actos como este do domingo a figura de Soutullo como un dos grandes compositores para banda da música galega, española e, en palabras da propia Rosa Arija, universal.

“A pesar do complicado que era ensaiar debido á pandemia, os músicos fixeron un traballo extraordinario, estudando moitas horas para poder levar adiante este concerto”, destacou antes de deixar paso á actuación da agrupación musical. A banda de Xinzo interpretou seis obras do mestre pontareán, que levaban anos extraviadas e estaban incompletas: Encarna, la Misterio, Escenas árabes, ¿Me engañarás?, La Baturrica, En la playa e La leyenda del beso-Selección.

De entre todas elas, destacou sobre o resto a habanera En la playa, estreada na súa versión para banda grazas ao traballo do director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Javier Blanco, que instrumentou a obra en base á revisión para piano realizada polo músico Alejo Amoedo, presente no concerto.

Para ambos tivo palabras de gratitude Rosa Arija: “Este concerto non sería posible sen o traballo de Javier e, desde a Fundación, agradecemos que haxa persoas como el e como Alejo Amoedo que se esforcen para axudarnos”.

A presidenta da Fundación tamén agradeceu o seu traballo de investigación e cooperación coa institución ao músico Pablo Abreu, outro dos invitados destacados da tarde. Antes de terminar cun bis no que a banda interpretou o coñecido pasodobre de Soutullo Puenteareas, Javier Blanco, director da agrupación, tamén aproveitou a ocasión para dar as grazas igualmente á Fundación polo seu traballo: “Recuperar todas esas partituras, eu que puiden velas de primeira man, é moi difícil e merece uns parabéns a eles polo seu gran traballo, que oxalá poidan seguir facendo durante moito máis tempo e nós sigamos colaborando con eles”.

Ademais, dedicou palabras de agradecemento ao público pola súa presenza e a un grupo en especial polo seu esforzo: “Agradezo aos músicos e ás súas familias. Ninguén se fai unha idea do difícil que é tocar obras deste gran compositor, pero realmente é algo moi complicado. Non o apreciamos porque Soutullo era de aquí e ás veces dámoslle moito menos valor ás cousas que son nosas, pero verdadeiramente deberiamos ser capaces de comprender o incrible que é ter algo así”.