Homenaxe ao político republicano e agrarista Amado Garra

Terá lugar no cemiterio de Ponteareas as 12h

O cemiterio de Ponteareas acolle este venres día 8, ás 12 do mediodía, un acto de homenaxe ao político republicano e agrarista da localidade, Amado Garra Castellanzuelo. O acto coincide coa data na que se conmemora o 150 aniversario do seu nacemento e coal recente entrega no Concello de Ponteareas, do traballo de investigación sobre a vida de Amado Garra, realizada por Roberto Mera, Premio de Investigación Fermin Bouza Brey neste ano 2023.

O acto está organizado polo novo Ateneo Amado Garra que se constitúe coincidindo co 150 aniversario do nacemento do avogado pontearean

A homenaxe está organizada polo novo Ateneo Amado Garra, que aproveita a efeméride para a súa constitución e presentación pública. Trátase dunha asociación promovida por numerosas persoas e inspirada, segundo se recolle no seu manifesto fundacional feito público, “no ideario, principios e valores de Amado Garra”. O Ateneo “quere converterse en actor central da vida de Ponteareas e da comarca dende a cultura en todas as súas expresións, como a literatura, a música ou as artes plásticas, até a memoria histórica e colectiva, pasando polo medioambiente, a lingua, o deporte, a arquitectura, o espazo público, a arqueoloxía, a etnografia ou a nosa historia, sen esquecer os valores democráticos, solidarios, igualitarios, cívicos e éticos, hoxe nomeadamente simbolizados no feminismo, a paz ou a erradicación da xenofobia”. Segundo os seus promotores, a nova asociación pretende organizar e catalizar ao servizo de Ponteareas e da sociedade toda a “enerxía colectiva” e o “potencial humano” que existe na localidade.

O acto desenvolverase diante do panteón da familia Garra onde descansan os restos de Amado Garra así como do seu irmán, Emilio, primeiro alcalde republicano de Ponteareas e outros familiares. Ademais dunha ofrenda floral, haberá varias intervencións en representación do Ateneo e de Roberto Mera como biógrafo do homenaxeado.

Amado Garra Castellanzuelo (Ponteareas 1873 – Ponteareas 1948) foi avogado, xornalista e político republicano, un dos lideres agraristas no primeiro terzo do século XX, ademais de Alcalde de Vigo ou presidente do Ateneo vigués. Ademais foi o fundador e editor do xornal republicano-agrarista “El Tea” (1908-1936) e cofundador do xornal “El Pueblo Gallego”.

Ao longo da súa traxectoria Amado Garra foi obxecto de numerosos e multitudinarios recoñecementos e homenaxes pero o golpe de Estado de 1936 acabou abruptamente coa súa vida pública, falecendo en 1948 nun esquecemento absoluto que se prolongou durante 75 anos até os nosos días.