
A Caniza | O Salón de Plenos do Concello acolleu o pasado martes unha recepción oficial en recoñecemento ao equipo infantil do CF Cañiza, que se proclamou campión da categoría Infantil 3ª Futgal Vigo – Segunda Fase Grupo 5 na tempada 2025-2026. O acto estivo presidido polo Alcalde Luis Piña, acompañado pola Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, quen recibiron ao equipo campión, así como ás súas familias, ao corpo técnico e aos representantes do club.
Na recepción tamén estiveron presentes a presidenta do CF Cañiza, Mónica Almuiña, as adestradoras Emma López e Linda Riveiro, e a delegada do equipo, Sonia Fernández, que desempeñaron un papel fundamental nesta tempada. Durante a súa intervención, o Alcalde felicitou a todos os integrantes do equipo polo magnífico campionato realizado, destacando, unha vez máis, o esforzo, a constancia, o compañeirismo e a dedicación demostrados nesta Liga. Luis Piña fixo extensiva a súa noraboa ás familias polo apoio incondicional prestado aos mozos e mozas deportistas, acompañándoos en cada adestramento e competición.
O equipo infantil do CF Cañiza rematou a competición como líder do seu grupo, cun balance de 30 puntos en 11 xornadas, 10 vitorias, 55 goles a favor e só 16 en contra, uns rexistros que reflicten o gran traballo desenvolvido por xogadores, adestradoras e directiva.
Como mostra do recoñecemento institucional a este éxito deportivo, o Alcalde fixo entrega de medallas a todos os integrantes do equipo e concluíu o acto cunha fotografía de familia no Salón de Plenos.
Esta recepción dá continuidade ao recoñecemento que o Concello vén realizando aos éxitos do deporte local. Cómpre lembrar que o pasado venres tamén se celebrou unha homenaxe ao equipo sénior masculino do CF Cañiza polo seu recente ascenso de categoría, poñendo en valor o excelente momento deportivo que atravesa o club.




