Histórico estreo de “Salceda en festa”

Este domingo 21 no Auditorio Municipal

Salceda de Caselas | O Auditorio Municipal de Salceda acollerá a estrea europea da obra “Salceda en Festa”, unha mostra do teatro popular galego escrito na emigración arxentina a principios do século XX. Situada na parroquia de Entenza, amosa o ambiente festivo da súa veciñanza na celebración dunha romaría, á que asiste un mozo emigrante retornado a súa vila natal en compaña do seu protector arxentino.

A obra foi escrita en Bos Aires por “Don Crispín”, seudónimo do salcedense Antonio Fernández Lorenzo, e por Manuel González Iglesias, coñecido como o “Xastre de Lalín”, ambos moi relacionados co Centro de Protección Agrícola de Salceda, creado en 1913. Representouse por primeira vez o 13 de outubro de 1917 no Orfeón Español coincidindo coa festa de celebración do cuarto aniversario deste centro.

“Salceda en Festa” represéntase por primeira vez en terras galegas, conxuntamente entre alumnado e profesorado do IES Pedras Rubias, co apoio do Concello e colaboración da Banda Cultural de Salceda e o Rancho Tradicional da Feira.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.