Histórica rehabilitación dos inmobles do centro histórico de Ponteareas

Aprobada en Xunta de Goberno a declaración de Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP)

Ponteareas | O Concello de Ponteareas continúa coa súa firme aposta por revitalizar o centro histórico da vila. Neste camiño, aprobou en Xunta de Goberno a declaración da Contorna Residencial de Rehabilitación Programada de Zona Vella, o que permitirá ao municipio e á veciñanza acceder a fondos europeos para a rehabilitación de edificios residenciais, vivendas e locais comerciais e para a urbanización e reurbanización dos espazos públicos no centro histórico.

“Seguimos a dar pasos na estratexia marcada para transformar Ponteareas nunha vila moderna, cómoda e segura, recuperando o espazo público para as persoas e facilitando que veciños e veciñas poidan reformar as súas vivendas e locais e seguir enchendo de vida á vila. Isto suporá unha revalorización económica de todos estes inmobles e da propia contorna”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Tras esta nova delimitación territorial, o Concello xa presentou a súa solicitude ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para a participación no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado por fondos Next Generation EU. Estas subvencións irán destinadas principalmente a reformas relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética das vivendas particulares e locais comerciais recollidos dentro desta nova delimitación territorial.

“A rehabilitación destes edificios redundará nunha mellora da eficiencia enerxética e en seguir camiñando cara a unha vila máis sostíbel. Pero tamén permitirá xunto con outras accións devolver ao núcleo histórico de Ponteareas todo o seu esplendor, apostando firmemente pola dinamización e revitalización desta zona emblemática, axudando a asentar poboación nela, mellorando a calidade de vida das persoas e favorecendo a creación de emprego e un maior dinamismo económico”, destacou a rexedora.

Esta nova delimitación permitirá a renovación de barrios, complementando as actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), que xa abarcaban 93.000 metros cadrados do núcleo histórico da vila con case 520 vivendas agrupadas en 74 edificios de uso residencial colectivo, 133 unifamiliares, 5 edificios de equipamentos e 16 destinados a outros usos.

Con esta nova declaración de ERRP o Concello poderá dispor dunha oficina integral para a información asesoramento e tramitación das axudas para a rehabilitación de inmobles no centro histórico. Ademais, a propia oficina prestará tamén asesoramento e información sobre axudas á rehabilitación dispoñíbeis aos donos e donas de inmobles do resto do termo municipal de Ponteareas.

“Con esta nova declaración de ERRP o Concello poderá dispor dunha oficina integral para a información asesoramento e tramitación das axudas para a rehabilitación de inmobles no centro histórico”

Esta declaración é a culminación de meses de traballo por parte do Concello de Ponteareas nos que se ten prestado servizo de asesoramento e información a todas as persoas propietarias interesadas para ter un coñecemento previo da situación real no municipio e ser máis áxiles na aplicación das subvencións no momento no que sexa aprobado o proxecto e as axudas comecen a chegar. As persoas interesadas poderán ter acceso a toda esta información a través da páxina web do Concello ou realizar consultas a través de rehabilitacion@ponteareas.gal. Ademais, está habilitada una enquisa para as persoas residentes nestas zonas e un formulario de solicitude de información.

Subvencións para deportistas de alto nivel
O Concello de Ponteareas quere reforzar o apoio á potencia deportiva da vila cunha nova convocatoria de subvencións dirixida a deportistas federados de alto nivel que residan no municipio. Trátase dunha liña de axudas dotada con 5.000 euros coa que se busca “facilitar a dedicación á competición de alto nivel das e dos grandes deportistas que temos, premiando o esforzo diario que fan para acadar as súas metas. Son, sen dúbida, os mellores embaixadores e embaixadoras que temos”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

Poderán solicitar estas bolsas as e os deportistas ponteareáns que durante o ano 2022 competiran en campionatos oficiais a nivel estatal ou internacional ou foran convocados pola selección galega ou española. A subvención está destinada a colaborar cos gastos de desprazamentos, aloxamento, manutención, material deportivo ou expedicións de licenzas federativas. Unhas axudas que “son totalmente compatíbeis con outro tipo de subvencións públicas concedidas para a mesma finalidade”, salientou o edil.

“Ponteareas é berce de grandes deportistas, algo que queremos seguir potenciando. Estas subvencións son un vehículo para recoñecer o esforzo, dedicación e traballo dos e das deportistas ponteareás, pero tamén contribúen a fomentar valores fundamentais na súa formación, a impulsar a práctica deportiva entre a mocidade e a inculcar no seu día a día un estilo de vida saudábel”, asegura Bouzó. As bases da convocatoria estarán dispoñíbeis na páxina web do Concello na pestana de axudas e subvencións. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes durante 15 días a partir do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.