Guía Básica da Galeguización Empresarial.

O Foro E. Peinador cumpríu 25 anos de actividades ininterrompidas para artellarmos o discurso da galeguidade empresarial con notabres resultados A súa constitución foi a continuidade dun labor emprendido pola Asociación de Funcionarios/as para Normalización Lingúística. Era unha necesidade para galeguizar o amplo espectro social do país. A literatura foi incapaz de tender pontes con eses sectores sociais que vivían noutra realidade paralela. Os protagonistas da creación literario asumiran un papel para o que non estaban preparados, de aí o seu fracaso. O que tiña que ser un obxectivo global acabou por convertese nun mérito persoal. No eido educativo, a teor dos resultados estatísticos, é evidente tamén a incapacidade dos docentes.

Os primeiros movementos para establecer un diálogo entre a lingua galega e a economía, nomeadamente os empresarios, empezou en 1989. Cómpre lembrar que foi a partir dese ano cando se produciron os primeiros achegamentos sendo a empresa de transportes de viaxeiros Castromil a que máis salientou pola espectacular asunción no réxime interno e proxección pública da lingua galega entre os viaxeiros.

Non debemos esquecer outras marcas como Electrodomésticos Sanluís, que durante unha década despregou campañas publicitarias en todos os medios de comunicación; os Supermercados Vego, que empezaran a introducir a lingua galega nas referencia comerciais nos tickes de compras e nos millóns de folletos publicitarios destinados ao buzoneo semanal nos edificios das grandes cidades, divulgando en lingua galega as denominacións das ofertas; e Seguros La Fe, unha empresa de decesos que artellou un programa de galeguización empresarial coa participación de coñecidos intelectuais que exerceron o seu maxisterio nos cursos de formación impartidos nas oficinas da sociedade en horas laborais que se repetiron axiña nas grandes empresas construtoras Malvar e Covsa, de Pontevedra, que chegaron a contar con senllas filológas.

A progresión da presenza do galego no sector industrial tamén foi decisiva coa incorporación do Estaleiro HJ.Barreras, Celtic Estores, Seguridade A-1, Itelsis e RLA Rodríguez López Auto, entre outras empresas.

“Capítulo aparte foi o labor desenvolvido no sector agroalimentario onde o Foro E. Peinador fomentou o uso da nosa lingua na etiquetaxe de botellas e envases de produtos diversos”

Capítulo aparte foi o labor desenvolvido no sector agroalimentario onde o Foro E. Peinador fomentou o uso da nosa lingua na etiquetaxe de botellas e envases de produtos diversos, dando lugar a unha organización específica denominada Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros. Hoxe podemos afirmar qui hai ao pé de duascentas marcas comerciais que etiquetan no noso idioma, salientando o 80% do leite e viño. No sector da alimentación aprézase unha avance da presenza do galego nalgunhas cadeas de supermercados.

Desde hai dous anos o Foro E. Peinador ten un acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra para estimular o uso da lingua galega en diversos ámbitos, entre eles o socioeconómico. A colaboración da Secretaría Xeral da Lingua Galega da Xunta de Galicia tamén axuda a este propósito.

O próximo día 15 presentaremos nun acto público na sede desta institución provincial en Vigo a “Guía Básica de galeguización empresarial”. Nela expoñemos as referencias legais para que as empresas incorporen a lingua galega nas súas actividades ao abeiro dos ordenamentos xurídicos xurídicos europeo, estatal e galego.

As medidas que se propoñen teñen en conta ás peculiaridades propias dos negocios e empresas, para que non haxa ningunha excusa para marxinar o noso idioma das páxinas webs, na sinalética, na telefonía, nas nóminas e contratación laboral, incluídas as cláusulas dos dereitos lingísticos de traballadores e consumidores,etc.

A perivivencia da lingua galega depende da súa presenza en todas as esferas da vida social, económica e nas institucións públicas. O compromiso con esta tarefa esténdese tamén ao ámbito familiar.

Xosé González Martínez. Presidente Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.