Graves danos polas choivas na Guarda

Inundacións de fincas e viarios así como violentas escorrentías de auga

A Guarda | As fortes choivas que se produciron na madrugada do día un de xaneiro provocaron, no Baixo Miño, importantes inundacións de fincas e viarios así como violentas escorrentías de auga con arrastre de materiais que nalgunhas zonas produciron erosións moi destrutivas.

Os derrubes que se produciron foron nalgúns casos moi graves e requiren unha reparación inmediata pola perigosidade que representan e porque de non actuar con celeridade pode continuar o seu deterioro.

Dada a gravidade da situación o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mantivo contactos, o mesmo día un de xaneiro, coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, co Xefe de Costas de Pontevedra e co Xefe Territorial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O rexedor trasladoulle as autoridades a situación que se estaba a producir por causa das escorrentías no litoral do esteiro.

O luns día dous o alcalde remitía un informe, no que se recollían as principais incidencias que se produciron na localidade, a Costas do Estado en Pontevedra e a Xefatura Territorial de Medio Ambiente da Xunta. Este informe foi acompañado dunha solicitude de axuda e colaboración para reparar os danos provocados polas choivas e escorrentías. Os principais temas que se referían no informe eran: o colapso da pista entre a Armona e o Codesal a altura da Noria, o colapso da zona de acceso a praia do Muíño e a erosión producida na contorna do colector de desaugue de pluviais na praia do Muíño.

O mesmo luns día dous, a petición do alcalde, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o Xefe Provincial de Costas, Miguel García, desprazáronse ata A Guarda para valorar “in situ” os desperfectos provocados polas intensas choivas.

A incidencia máis grave foi a que provocou o colapso da pista entre a Armona e o Codesal. Esta pista quedou totalmente cortada por unha fenda transversal que ocupa unha superficie que supera os 300 m2 cunha profundidade de máis de 3 m e con aproximadamente 12 m de na súa parte máis ancha.

Esta fenda provocou, a rotura do colector principal da EDAR da Guarda e dificulta o acceso a dúas vivendas que se atopan a súa veira. O concello estivo durante o luns facendo unha reparación de urxencia do colector para restablecer a condución de fecais para a depuradora.

O alcalde trasladou ás autoridades, como xa fixera por escrito, a urxencia das actuacións necesarias que permitan recobrar a normalidade no litoral do esteiro. Sobre todo a reparación da pista na zona do Codesal, dado o perigo que representa, o quebranto para os veciños que teñen alí as súas vivendas e porque de producirse máis choivas podería agravarse a situación incluso provocar a caída de árbores de gran porte.