Gran interese en Italia co Camiño Inglés

Por parte de turoperadores e axencias de viaxe dese país

Roma | Grandes resultados da viaxe a Italia realizada este luns e martes por unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña. Ademais de seren recibidos polas máximas autoridades españolas en Roma, as presentacións realizadas tanto do Camiño Inglés ante operadores turísticos e axencias de viaxe italianas como dunha guía práctica do camiño en italiano espertaron un gran interese.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, cualificou como “moi cordial a recepción de hoxe por parte do embaixador español en Italia, Alfonso Dastis, quen se comprometeu a facer o Camiño Inglés no próximo ano 2023”. Unha recepción na que estivo acompañado pola xerente da entidade, Cristina García, e o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e da xefa de servizo de Turismo da institución provincial, Maite Loureiro.

Antonio Leira destacou a importancia das dúas recepcións oficiais, onte coa embaixadora de España no Vaticano e hoxe co embaixador de España en Italia, “xa que estamos dando a coñecer o Camiño Inglés ás máximas autoridades españolas en Roma”.

Reunión con operadores de turismo
Pola súa banda, a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, destacou a “gran acollida da nosa proposta por parte dos operadores turísticos e axencias de viaxe presentes pois o vén como a ruta xacobea perfecta para aqueles viaxeiros que so dispoñen duns días pero queren peregrinar a Compostela”.

Neste sentido, indica que “os italianos valoran que o Camiño Inglés se poida facer en so cinco días, que non presente ningunha dificultade especial a nivel físico e que conte cunha paisaxe única entre o Atlántico e camiños de bosques con carballos e castiñeiros”.

“Non é so unha viaxe. É unha combinación perfecta entre terra e mar”, salientou Manuel Mirás, quen tamén puxo en valor “a deliciosa gastronomía e o rico patrimonio cultural que ofrece o Camiño Inglés”. De feito, o interese espertado foi tal que varios operadores turísticos solicitaron organizar unha viaxe a Galicia nas próximas semanas para coñecer polo miúdo e sobre o terreo esta ruta xacobea.

Neste sentido, Cristina García destacou diante dos operadores italianos que “aínda que somos conscientes do traballo que nos queda por realizar, o Camiño conta con boas infraestruturas: 23.473 prazas de aloxamento, 1.835 establecementos de restauración, axencias de viaxes de receptivo, transporte de mochilas, actividades de ocio, gastronómicas e culturais que permitirán que vostedes poidan ofrecerlles viaxes a medida aos seus clientes tendo en conta as súas necesidades en canto a tipo de aloxamento, traslado de equipaxe, número de etapas, etc”. Ademais, informoulles de que “a Asociación aposta pola calidade, no pola cantidade, para o que creamos a Red Stelar, unha rede de excelencia de restaurantes e aloxamentos que traballan a pe do Camiño ofrecendo servizos ao peregrino”.

Nova guía en italiano
Finalmente, o deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira, presentou hoxe o libro “II Cammino Inglese per Santiago a piedi” no Centro Multimediale Interactivo de Roma. Unha guía do Camiño Inglés en italiano elaborado por Fabrizio Ardito en colaboración coa Deputación da Coruña.

“Foi un éxito total, con moita xente, moi interesados e moi participativos, pois non deixaron de facer preguntas”, explica Antonio Leira, quen explicou que “a nosa intención era animar aos italianos a retomar o Camiño Inglés, xa que son un dos maiores puntos de orixe de visitantes. Para conseguilo, presentamos unha guía moi manexable e fácil de comprender para todo o mundo, o que se lles fixo moi atractivo”.

Neste sentido, Leira Piñeiro amosou a súa sorpresa “non só por que varios medios de Italia amosaran o seu interese por visitar o Camiño Inglés, senón en que as librerías máis importantes de Roma xa dixeron que queren contar con este libro entre os seus fondos”.“II Cammino Inglese per Santiago a piedi” inclúe unha descrición detallada e fidedigna dos itinerarios do Camiño Inglés: Ferrol-Santiago e A Coruña-Santiago; con mapas detallados da ruta e pistas GPS para descargar.