Gonzalo Caballero urxe á Xunta a consensuar co parlamento un plan de medidas inmediatas

O secretario xeral sinala que a Xunta está "ausente e desnortada" no económico, e defende unha nova política económica para a reconstrución, respaldo ao tecido produtivo e a aposta polo Estado do benestar

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou hoxe á Xunta que consensúe co parlamento “un plan de acción inmediato” que palíe os efectos negativos que está tendo a crise do coronavirus en empresas, traballadores e autónomos.

Así, urxiu a posta en marcha de medidas económicas que respalden aos sectores produtivos do país, así como a autónomos e pemes, para resistir estes meses de tantas dificultades. O goberno da Xunta de Galicia está “ausente e desnortado”, e ten que tomar medidas para o tecido produtivo, incluíndo un plan de axudas directas inmediatas a autónomos e pemes, na liña que están facendo xa outras autonomías, e que serven para complementar as medidas do goberno de España.

“Mentres outras comunidades tomaron medidas moi importantes para axudar ao tecido produtivo, o goberno da Xunta tivo un nivel de acción moi tímido e escaso”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, quen sinalou que as medidas da Xunta non poden limitarse a garantir a liquidez das grandes empresas.

Neste contexto, Gonzalo Caballero chamou a utilizar os orzamentos da Xunta para “protexer a autónomos, traballadores e empresas” do noso país cando xa se cumpriu un mes dende o decreto do estado de alarma. O goberno de España, recordou, está disposto a mobilizar unha cantidade de fondos próxima ao 20% do PIB do país.

“Todas as administracións públicas teñen que tomar todas as medidas posibles para apoiar ao noso tecido económico e produtivo”, defendeu o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que o que toca ao goberno galego nestes intres é “actuar no urxente” e atallar as problemáticas de empresas, traballadores e autónomos de Galicia.

Así pois, Gonzalo Caballero requiriu a Feijóo que “tome medidas económicas ante os problemas inmediatos, e que non trate agora de “diluír a atención” cando hai asuntos prioritarios como os contaxios masivos en residencias de maiores da comunidade.

“Agora o prioritario, despois abordar o futuro”

“Agora hai que atender o prioritario e urxente no eido sanitario, no das residencias e no económico, e despois haberá que abordar o futuro”, recalcou o secretario xeral do PSdeG, dende o convencemento de que “a quen lle corresponda” estar á fronte da Xunta cando remate a pandemia terá que combater as consecuencias económicas e tamén repensar o modelo económico, sanitario e social que existe actualmente en Galicia.

Gonzalo Caballero lamentou ademais que Feijóo decidira convocar unilateralmente un comité para a reconstrución sen consensualo nin informar ao Parlamento, e sen contar cos representantes dos traballadores, nunha estratexia para evitar falar das residencias de maiores.