Gonzalo Caballero propón un “gran acordo” para un plan “Rexorde Galicia” ante a crise

Tras constatar que a Xunta “vai con moito retraso” nos proxectos europeos

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe en compañía do presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e da voceira de Igualdade e cultura no Parlamento, Noa Díaz, as bases do plan Rexorde Galicia para a reactivación económica, social e cultural de Galicia a través do financiamento procedente da Unión Europea.

“O noso reto é mobilizar para Galicia no entorno de 20.000 millóns de euros de inversión pública e público-privada ata o ano 2027”

“O noso reto é mobilizar para Galicia no entorno de 20.000 millóns de euros de inversión pública e público-privada ata o ano 2027”, indicou Gonzalo Caballero, con base no documento coordinado por Fernández Leiceaga, que precisa que poderían mobilizarse entre 3.500 a 4.000 millóns de euros de inversión cada ano entre todas as administracións.

Por iso, o líder do PSdeG subliñou que “é a hora de traballar cooperativamente para sacar Galicia adiante, priorizando o emprendemento, a modernidade e a xeración de emprego”, toda vez que sen emprego “non hai prosperidade para a Galicia do futuro”.

Así é que Gonzalo Caballero amosou a Feijóo a súa “man tendida” e chamou tamén a todas as forzas políticas e sociais a sumarse a un “gran acordo que nos faga saír desta crise con máis forza e unidos”. “Os fondos europeos son a enerxía para unha Galicia verde, dixital, cohesionada e igualitaria e non podemos desaproveitar esta oportunidade”, destacou.

“Galicia ten que aproveitar a oportunidade histórica que trae consigo a recepción deses fondos”

Con ese enfoque, o máximo dirixente dos socialistas galegos incidiu en que “Galicia ten que aproveitar a oportunidade histórica” que trae consigo a recepción deses fondos -un asunto no que se implicou “plenamente” o propio presidente do goberno de España- para acadar a “reactivación”. “Non podemos permitirnos o erro histórico de non aproveitar eses fondos”, concluíu.

A Xunta “vai con retraso”
Pola súa banda, o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que Galicia “arrastraba problemas” xa antes da chegada da pandemia en cuestións demográficas e de envellecemento da poboación ou no relativo ás dificultades para crear emprego, ao tempo que existían “desequilibrios territoriais” e “déficits” en materia de I+D+i ou de política industrial.

Ese problemas existentes, como sinalou, “agraváronse” coa aparición da covid-19, que fixo ademais que apareceran outros problemas como “o debilitamento do sistema sanitario ou as dificultades para a adaptación do sistema educativo”.

Precisamente por iso, o tamén coordinador da Comisión Interparlamentaria do PSdeG puxo o foco na necesidade de facer “unha boa xestión” dos fondos procedentes da UE, logo de sinalar que “non é certo” o que di a Xunta sobre que o asunto central é “o volume de cartos que vai xestionar”, porque xa neste ano a Xunta xestiona o 60% dos fondos europeos que están nos orzamentos xerais do Estado.

Iso si, advertiu que a UE estará “moi vixiante” no destino dos cartos, a fin de que se utilicen para aquilo que está previsto, como a dixitalización, a innovación ou a transición ecolóxica.

Neste punto, Fernández Leiceaga criticou que “aínda non existe un plan ben estruturado” por parte da Xunta sobre o uso dese diñeiro. “A Xunta vai con moito retraso”, recalcou, consciente de que debera estar xa “activando proxectos e convocatorias”. Por iso, pediu ao goberno galego que “deixe a confrontación” e “empece a cooperar” co tecido social e empresarial e tamén co goberno de España.

“Fernández Leiceaga criticou que ‘aínda non existe un plan ben estruturado’ por parte da Xunta sobre o uso dese diñeiro”

Rexorde Galicia
Ao fío disto, o senador socialista explicou que o plan Rexorde Galicia elaborado polo PSdeG e coordinado por el mesmo inclúe 20 eixos de actuación en eidos como a industrialización, a mobilidade e a vivenda, a transformación do sistema produtivo, a aposta pola ciencia, o reforzo da economía dos coidados, a xeración de emprego ou o impulso á cultura.

Dentro deste programa, como indicou, hai máis de 60 programas específicos que implican a distintas administracións para acadar “unha verdadeira transformación” da economía galega.

Abaratar a AP-9
Por outra parte, o secretario xeral do PSdeG fixo referencia ás declaracións recentes da Xunta en relación á petición de rebaixas das peaxes da AP-9, a pesares de que o PP é o responsable de ter privatizado a autopista e aumentado a súa concesión ata 2048.

“Cada vez que pagamos as peaxes ao cobrador da cabina, a cara que vemos é a de Aznar, Rajoy e Feijóo”, afirmou Gonzalo Caballero, quen deixou claro que “non imos permitir que nos queiran tomar o pelo” cando “nada fixeron por abaratar a AP-9”.

De feito, sinalou que “a Xunta non pon un só euro para bonificacións” -a diferenza do que fan outras comunidades con autoestradas estatais-, fronte aos 63 millóns de euros que o goberno de España introduciu nos orzamentos xerais do Estado para rebaixar as peaxes da AP-9 e que o PP e o BNG rexeitaron.

“Agora están moi nerviosos porque saben que os galegos ven que os únicos comprometidos en todos os pasos necesarios para a rebaixa da AP-9 somos os socialistas”, recalcou, antes de indicar a Feijóo que, se quere falar da autoestrada, ten que “desculparse” polo que “non fixeron e obstaculizaron” dende o PP e “cambiar á conselleira” de Infraestruturas, que fala da AP-9 pero non fai.