• Segue conectado
  • |

Gonzalo Caballero: “por un voto se decide un goberno, por un voto decidimos PP ou PSOE en GaliciaICIA”

A Coruña |  O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou na Coruña á participación nas eleccións do 12X porque “por un voto se decide un goberno, por un voto decidimos PP ou PSdeG en Galicia”. Así o dixo nun acto político nos Xardíns de Méndez Núñez xunto coa alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a vicepresidenta e ministra de Economía, Nadia Calviño.

O responsable socialista subliñou que “por un voto decidimos se Galicia avanza ou se mantén na estratexia de confrontación do PP”, logo de lembrar a intervención do líder do PP, Pablo Casado, no seu acto central de Pontevedra, onde “dixo que o PP quere gañar as eleccións en Galicia para derrocar ao goberno de España”.

Nadia Calviño pide o apoio para Gonzalo Caballero porque garante “un goberno co que teñamos plena sintonía” para abordar unha saída da crise centrada na protección social e a estabilidade económica.

A estratexia do PP de confrontación co goberno de España, proseguiu, “danos unha razón máis a todos os progresistas, a todos os que votamos ao PSOE nas xerais e nas municipais para ir votar o 12X, porque votando ao PSdeG freamos tamén a estratexia de acoso e derribo ao goberno de Pedro Sánchez que ten o PP en conivencia coa ultradereita”.

O candidato socialista alerta dun PP que, “como confesou Casado, quere gañar as eleccións en Galicia para derrocar ao goberno de España”: “Danos unha razón máis a todos os progresistas”

De feito, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo escolleu para o seu acto principal no comezo de campaña ao Casado “que amosa un nivel de irresponsabilidade absoluta en colaboración coa ultradereita en España” e a Mariano Rajoy, “a quen xa retiramos do goberno de España”. Un PP, dixo, que onte demostrou que “non ten proxecto para Galicia e que ten esgotado o seu tempo político en Galicia”.

Fronte a isto, Gonzalo Caballero fixo un chamamento a “todos os que queren progreso en Galicia, e todos aqueles que o ano pasado votaron polas forzas progresistas e o PSdeG e a todos os que quixemos que Pedro Sánchez presidira o goberno de España para frear á dereita e á ultradereita”.

Pediu así o voto aos que “queremos ter un goberno progresista, un goberno socialista que poida estar en sintonía coas medidas de progreso do goberno de España e frear os riscos de involución que representan a dereita e a ultradereita”. Lembrou que desa maioría de cidadáns que cren que Feijóo pode repetir, só un 35% queren que volva ser presidente.

“A XENTE QUERE CAMBIO”

Gonzalo Caballero lembrou o acto político en Ourense con Pedro Sánchez, que “desbordou tódalas previsións de afluencia” e no que tiveron que pechar un parque público “para cumprir co aforo e a distancia social”. Amosa, afondou, que “o PSdeG pode darlle a Galicia un goberno en conexión coa maioría de progreso, e que fronte ao relato da dereita de que as eleccións están gañadas, a xente quere cambio en Galicia”.

“Fronte á desmobilización e á inacción que quere o PP, nós temos ganas, ilusión, forza, mobilización e dinamismo porque somos o cambio posible e con garantías para Galicia”, enfatizou, e pediu o apoio para un proxecto “en sintonía cos grandes alcaldes de Galicia e co goberno de España”.

Engadiu que “non pode quedar na casa un voto progresista” que poida decidir un proxecto de futuro social que abra 2.000 prazas de maiores en residencias públicas, que convoque 5.000 prazas estables na sanidade”. Un proxecto, apostilou, “que aposte polas políticas sociais, de igualdade e de protección e que pase páxina de 11 anos sen política industrial nos que Galicia perdeu 70.000 postos de traballo”.

Gonzalo Caballero saudou a presenza da ministra de Economía, a galega Nadia Calviño, que representa, dixo, a “mellor garantía” dunha reconstrución social e económica “que pense na xente”. Amosouse “orgulloso” da súa xestión, que “demostrou que sabemos como facer para construír un escudo protector que nos protexa dunha crise social e armar unha folla de ruta da reconstrución sen que ninguén quede atrás”.

Ademais, amosou o seu apoio á candidatura da socialista galega a presidir o Eurogrupo, que “pode darlle á gobernanza económica da UE ese impulso con solvencia e estabilidade”. Calviño exemplifica “como queremos os socialdemócratas e os socialistas garantir unha saída da crise nunha UE que entenda que cómpre avanzar cara unha Europa da estabilidade económica e tamén da protección social”.

“TODOS NA MESMA DIRECCIÓN”

A ministra de Economía aproveitou a súa primeira saída logo do confinamento para viaxar a Galicia a apoiar a campaña de Gonzalo Caballero. Dende A Coruña, sinalou a importancia de artellar a reconstrución “con tódalas administracións aliñadas, traballando e remando todos na mesma dirección”. Reivindicou un goberno en Galicia “co que teñamos plena sintonía e poidamos traballar man a man para abordar os retos do futuro e facer un futuro mellor”.

Calviño apuntou que “non podemos facer a reconstrución sós dende o goberno de España” e chamou á “unidade de todos os cidadáns”. Sinalou que “igual que estar unidos permitiunos salvar vidas, estar unidos permitiranos salvar a economía e os empregos e construír un país mellor”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Coruña, Inés Rey, deu inicio ao acto advertindo que “igual que parou hoxe de chover, van parar de chover os recortes dos 11 anos de goberno do PP e de Feijóo, porque o 12X é o momento do cambio e de definir a Galicia que queremos coa presidencia de Gonzalo Caballero”. Porque representa, engadiu, “á Galicia solidaria e inclusiva que aposte polas persoas”.

“SAÍMOS A GAÑAR”

Posteriormente, Gonzalo Caballero desprazouse ata Betanzos para participar nun mitin xunto con Nadia Calviño.

Dende alí, a vicepresidenta e ministra de Economía subliñou a importancia de que “a crise non a paguen sempre os mesmos”. “Saír desta crise vai necesitar o compromiso de todas as administracións públicas”, recalcou, para avogar por un cambio de goberno á fronte da Xunta.

Así é que, consciente do “compromiso social” de Gonzalo Caballero, chamou a reeditar os resultados electorais do PSdeG ao longo do pasado ano.

Dese fío tirou Gonzalo Caballero no peche do acto para asegurar que “saímos a gañar as eleccións” fronte ao “relato que tenta impoñer o PP de control absoluto de Galicia”. “Eu póñome en pé e pídovos que tamén vos poñades vós en pé para ir votar o 12 de xullo”, clamou.

E é que, como sinalou, para facer fronte á crise derivada da covid fan falla as receitas socialdemócratas para “non deixar a ninguén atrás”. “Non é o mesmo que goberne a esquerda ou que goberne a dereita”, recalcou, para poñer en valor as medidas tomadas polo goberno de España.

“O 12 de xullo hai que votar por un goberno socialista na Xunta”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que “o cambio é posible” porque existe en Galicia “unha maioría de progreso”. “E por un voto decidimos se avanzamos pola senda do benestar ou seguimos cun proxecto esgotado de recortes e privatizacións”, recordou o líder socialista.

“PENSAR NAS PERSOAS”

A encargada de abrir o acto foi a alcaldesa, María Barral, quen se amosou convencida de que Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta tras 11 anos “padecendo” a Feijóo. Máxime, engadiu, tras a “ausencia” de Feijóo na xestión da pandemia, cando deixou “sós aos concellos para atender as necesidades da xente”. “Necesitamos un presidente como Gonzalo, que pense nas persoas”, recalcou.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, cargou contra Feijóo polo seu “calculismo electoral”. “O 12 de xullo temos que darlle unha lección ao PP e a Feijóo, e mandar osíxeno ao goberno encabezado por Pedro Sánchez”, apelou así ao voto socialista nas eleccións autonómicas.

A continuación, Pablo Arangüena, cabeza de lista do PSdeG pola provincia da Coruña, subliñou que o cambio á fronte da Xunta “é máis importante e necesario que nunca” para afrontar a reconstrución de Galicia. “O que recortou na sanidade, a educación, o que triplicou a débeda pública…, non pode pilotar o futuro”, recalcou, consciente de que “o escudo protector” despregado polo goberno de España e polos concellos socialistas non existe onde goberna o PP.

É por iso que Arangüena incidiu na necesidade de que de novo haxa un socialista á fronte da Xunta de Galicia para “apostar polo benestar a cidadanía”.

Publicado o 29 Xuñ 2020 en A Coruña, Política, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies