Gonzalo Caballero censura que Feijóo “poña a xunta a disposición de Casado e de VOX” nun “xogo de deslealdade” contra o Goberno

O líder dos socialistas galegos tacha de "impropia e irresponsable" a declaración aprobada pola Xunta: "Feijóo está dando un paso adiante camiño a ningures"

Santiago de Compostela/PSdeG| O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe acompañado da cúpula do seu partido para censurar a declaración institucional aprobada onte pola Xunta na que, “nun xogo de deslealdade”, Feijóo “puxo os intereses do PP por riba dos intereses de Galicia”.

“Esa declaración non representa á maioría de galegos e galegas”, advertiu Gonzalo Caballero, quen censurou que Feijóo puxo a Xunta “a disposición de Casado, de Vox e da ultradereita” e deixou claro que os socialistas galegos rexeitan que “as institucións públicas sexan utilizadas ao servizo do PP”.

Así, tras sinalar que Feijóo optou por seguir “a estratexia de confrontación e conflito” que está levando a cabo o seu xefe de filas en España, o secretario xeral do PSdeG considerou que a actitude amosada polo presidente é “irresponsable, impropia e desleal” coa Constitución e co Estatuto de Autonomía de Galicia.

E é que, como explicou o líder dos socialistas galegos, o goberno pode explorar politicamente as vías que considere para resolver unha situación “complexa e profunda”, máxime cando se trata dun goberno que está sostido por un partido “constitucional e constitucionalista”.

“A dereita en España está xogando coa realidade co único obxectivo de gañar aos electores que se lle están indo a Vox”, evidenciou Gonzalo Caballero, quen recordou que o PSOE, na oposición, respaldou a aplicación do artigo 155 da Carta Magna “por lealdade e por responsabilidade” cando a situación o aconsellaba.

O PP “non perdoa” a moción de censura
Despois de criticar o “xogo perigoso entre a dereita e a ultradereita”, o máximo dirixente do PSdeG concluíu que o PP “non perdoa” ter sido retirado do goberno por Pedro Sánchez para poñer en marcha “un modelo de país máis inclusivo”.

E, sen obviar que o PSOE é “garante da Constitución” e avogando pola busca de solucións ao conflito territorial, Gonzalo Caballero avisou a Feijóo de que coa declaración institucional “está dando un paso adiante camiño a ningures”.

Asemade, fixo alusión á decisión de Feijóo de adiantar a súa viaxe institucional por Estados Unidos para acudir á manifestación de Madrid. “Sairá abrazado a Vox cando a cidadanía galega estará demandando en Santiago unha sanidade pública de calidade”, finalizou Gonzalo Caballero.

“Polémica desproporcionada”
Pola súa banda, o presidente e voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou “a polémica moi desproporcionada” aberta pola dereita en torno ás vías formuladas polo goberno para abordar a crise catalá.

“As críticas non poden pasar determinados límites”, subliñou Leiceaga, posto que o que sae “debilitado” desa confrontación é o propio Estado. Así é que chamou á “responsabilidade”, non sen recordar que “o cumio do desafío independentista”, a declaración unilateral de independencia, chegou con Mariano Rajoy na Moncloa.

Ao fío diso, remarcou “o compromiso constitucional” do PSOE e tachou de “irresponsable” a Feijóo por “arrastrar á Xunta” cara a estratexia “da ultradereita dirixida por Vox” de “alentar a confrontación” entre persoas e territorios.

En presenza tamén dos vicesecretarios xerais Pablo Arangüena e Marta Freire, así como da vicevoceira parlamentaria Patricia Vilán, Leiceaga advertiu de que os socialistas galegos “seguiremos dando a batalla para que Galicia teña unha voz que entenda mellor o Estado das Autonomías”.

Reforma da lei do aborto
Finalmente, Gonzalo Caballero sinalou que Pablo Casado “perdeu o norte político” coas súas manifestacións sobre a volta á lei do aborto do ano 1983. “Un regreso ao pasado”, dixo, que constitúe “unha irresponsabilidade absoluta” e que “só se pode entender polo medo a Vox”.

Non obstante, vaticinou que “esta falla de respecto ás mulleres” e “estes discursos propios doutro tempo” o que implicarán será “unha maior caída electoral” do PP. “Como cando hai 15 anos saían á rúa contra o matrimonio entre persoas do mesmo sexo da man de Rouco Varela e iso non os levou ao goberno”, recordou.

Outros artigos