Goberno municipal e Marea Atlántica impulsan a Área Metropolitana da Coruña

Para "saldar a débeda histórica que o Goberno galego ten coa Coruña"

A Coruña | O voceiro do goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, e a voceira da Marea Atlántica, María García, presentaron este 19 de agosto o acordo para impulsar a Área Metropolitana da Coruña que se concretará coa elaboración dun borrador de anteproxecto de lei que será presentado no mes de setembro diante da Comisión Especial da Área Metropolitana.

O voceiro municipal sinalou que o acordo de hoxe se enmarca no proceso de diálogo aberto coa Marea Atlántica para avanzar nos acordos establecidos dende o ano 2019 e destacou que xa se deu un paso importante neste eido co compromiso de recuperar os Orzamentos Participativos para o ano 2022.

Lage Tuñas lembrou que con este acordo cúmprese o mandato do Pleno da Corporación do 3 de outubro de 2019 que contou cos votos a favor de PSOE, Marea, BNG e Cidadáns e a abstención do Partido Popular e puxo de manifesto que todos os grupos terán ocasión de retratarse de novo con este anteproxecto.

“Con este acordo cúmprese o mandato do Pleno da Corporación do 3 de outubro de 2019 que contou cos votos a favor de PSOE, Marea, BNG e Cidadáns e a abstención do Partido Popular”

Ambos os portavoces sinalaron que o borrador que se presentará na Comisión estará aberto ás achegas dos restantes grupos políticos municipais e tamén contará coas ditas achegas dos concellos da Área Metropolitana que queiran cooperar no documento.

A voceira da Marea Atlántica, María García, subliñou que a proposta será remitida á Xunta de Galicia e ao Parlamento Galego, que son os responsables de elaborar e aprobar a lei para a súa posta en marcha no mes de outubro.

Pola súa banda, o voceiro do Goberno local destacou que a proposta sexa ben recibida pola Xunta, xa que é unha oportunidade “para saldar a débeda histórica que o Goberno galego ten coa Coruña e a súa área en canto a investimentos”. Manifestou tamén que con esta iniciativa o Executivo local responde á vontade expresa da alcaldesa, Inés Rey, quen considera que “A Coruña e a súa contorna teñen que ser tidas en conta polo Goberno galego”.

Lage subliñou que espera que a Xunta saia da súa pasividade e que non paralice unha iniciativa que é unha necesidade para toda a contorna coruñesa que mellorará a calidade de vida de preto de medio millón de persoas.

“A creación da Área Metropolitana ten como principais obxectivos fortalecer as infraestruturas de comunicación e transporte, o correcto desenvolvemento urbanístico do territorio e xestionar de forma coordinada diferentes servizos públicos”

A creación da Área Metropolitana ten como principais obxectivos fortalecer as infraestruturas de comunicación e transporte, o correcto desenvolvemento urbanístico do territorio e xestionar de forma coordinada diferentes servizos públicos co fin de evitar desigualdades e propiciar un espazo urbano potente e competitivo.

Ambos os voceiros destacaron que neste momento a área non conta cunha rede de transporte público adecuada ás necesidades do territorio, o que impide e dificulta o desenvolvemento económico de toda a área.

Non existe unha xestión común de servizos básicos; recursos hidrográficos, tratamento de residuos ou, mesmo, servizos de emerxencia social.

Lage Tuñas destacou a necesidade da creación desa entidade metropolitana para “actuar sobre novos obxectivos, resolver os problemas existentes e ofrecer propostas alternativas para conseguir unha área urbana máis moderna, solidaria, sostible e potente en termos económicos”.

Abertas as inscricións para o Gladiator Kids A Coruña
O Concello abre o prazo de inscrición para Gladiator Kids A Coruña, un evento de carácter lúdico e non competitivo en que poderán participar menores que a día da celebración da proba, sábado 11 de setembro, cumpriran a idade de participación: entre 3 e 11 anos. A proba, que conta con 200 prazas, desenvolverase no parque de Bens a partir das 17.00 horas.

A Gladiator Kids A Coruña está deseñada para que as persoas máis pequenas da casa gocen dun día en familia realizando actividade física. En todo momento, as persoas participantes irán acompañadas polo correspondente pai ou a nai ou titor ou titora.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destaca “o compromiso do Goberno de Inés Rey por potenciar e promover o deporte participativo na nosa cidade así como por mellorar a calidade de vida da veciñanza, e neste caso a dos máis pequenos da casa”.

Haberá dous percorridos diferentes para dúas franxas de idade: entre tres e seis anos, o trazado será de medio quilómetro e entre sete e once anos, duns 800 metros aproximadamente. A proba consiste en completar un circuíto cheo de obstáculos como valados de paso, pirámides, barras de equilibrio, zonas para reptar, pneumáticos… Todas as persoas participantes recibirán un obsequio ao final da proba.

A inscrición para esta actividade é de balde e poderá facerse telematicamente a través da seguinte ligazón á páxina municipal de Deportes: https://bit.ly/3D2SAnx. Todas as nenas e nenos deberán seguir o protocolo COVID, que será publicado unha semana antes da proba.