Goberno de Ponteareas pedirá maior orzamento para a N-120

A Alcaldesa Nava Castro presentará unha moción municipal toda vez solicitou información ao goberno central

Ponteareas | O mes de setembro é a data clave na confección dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano seguinte polo que o grupo de goberno do Concello de Ponteareas vai presentar unha moción a fin de que o Pleno acorde instar ao Goberno a que reserve unha partida para a mellora da seguridade da estrada N120 ao seu paso pola vila e para a construción da Variante ou Circunvalación de Ponteareas.

No escrito no que se solicita a moción, o grupo de goberno local recorda que xa en 2018 houbo unha partida orzamentaria reservada polo por entón Goberno central de 27 millóns de euros, pero que estes non se chegaron a executar e desapareceron dos orzamentos dos anos seguintes coincidindo co mandato do PSOE e máis PODEMOS ata o día de hoxe.

Así mesmo, nos Presupostos Xerais do Estado do actual ano 2023, había unha partida por importe de 500.000 € destinada ao proxecto da Variante que non especificaba os termos en concreto á que se dedicaría e da que non se tivo máis noticias.

Por este motivo, solicítase información do estado de ambos proxectos ao órgano responsable, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sen máis demora, así como a instancia ao Goberno central dunha partida económica destinada a tal fin no exercicio 2024. Ademais, solicitarase a transferencia do tramo urbano da estrada, desde a entrada a A Freixa ata o IES Barral. Esta moción deberá ser aprobada no Pleno Municipal, no que o grupo de goberno agarda os votos positivos ao tratarse dunha actuación tan necesaria para a vila e os seus veciños e veciñas.