Goberno de Ponteareas asegura a xestión da estratexia EDUSI

Informa que en catro meses ten executado a mesma porcentaxe que en ano e medio do anterior goberno

Ponteareas | O actual goberno do Concello de Ponteareas executou desde o 1 de xullo ata o momento, preto de 4 meses e medio, a mesma porcentaxe que o anterior bipartito en ano e medio, un 10% e un 11% respectivamente.

Así quedou patente esta mañá na reunión da Comisión de seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, EDUSI na que o equipo de goberno asegura que “a indecisión política, a execución tardía e a falta de planificación do goberno anterior provocou que a día de hoxe nas arcas municipais non se recibira nin un só euro”.

A actual EDUSI comprende un período de 2016 a 2022, mais unha prórroga dun ano ata o 31 de decembro de 2023 por unha contía total que ascende a máis de 6,2 Millóns de Euros. Desde 2016 e ata o último día de 2022, o grupo do anterior goberno local formado polo BNG mais o PSOE tiñan executado 3,3 Millóns de Euros, un 53% do total, e a data de 1 de xuño do presente 2023 a cifra ascendía soamente aos 4,5 Millóns de Euros, un 64% do total dos fondos.

Con estes datos na man, constátase que o avance na execución en todo o 2022 mais os seis primeiros meses de 2023 supuxo un 11% do total, unha porcentaxe que case se iguala ao 10% do total que leva executado o actual goberno desde as pasadas eleccións. A día de hoxe a execución total dos fondos ascende a algo máis de 5,2 Millóns de euros, o que supón que en 4 meses o goberno executou o mesmo que o anterior goberno en ano e medio.

A pouco máis de mes e medio da data límite de execución dos fondos, o vindeiro 31 de decembro resta apenas un 26% do total, arredor de 1,9 Millóns de euros. A todo isto hai que engadir que o sobrecusto da mesma foi de 860.000 euros por riba do previsto pasando dos iniciais 6,250 millóns de euros aos actuais 7,110 millóns de euros.

O balance que fai o goberno liderado pola alcaldesa Nava Castro resalta que desde o 1 de xullo deste ano 2023, “a herdanza foi un prazo de 5 meses para executar 1,5 millóns de euros, o que equivale ao 25% do total dos fondos sen destino, unha situación que da fe da deficiente xestión do anterior goberno que en 8 anos non foi capaz de executar o 100% dos máis de 6,2 Millóns concedidos e que agoira este grupo de goberno ten que acelerar prazos para que Ponteareas non quede sen eses fondos”.

Como exemplo do traballo arredo do actual goberno, desde o Concello destácase o desbloqueo levado a cabo na nave de Aceros del Tea, que nos últimos 4 meses conseguiu resolver a adxudicación do contrato de obra, dúas veces deserta nos anos anteriores, así como o desenvolvemento doutras actuacións como o Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Espazo de Co-Working e a rede de calor, a incorporación de sistemas tecnolóxicos ou a obra do centro cívico-residencia de artistas.

Nova imaxe corporativa
O Goberno Local aproveitou para informar nesta comisión a actualización da nova imaxe corporativa do Concello de Ponteareas que foi financiada con Fondos Europeos. A nova imaxe recupera as características do escudo oficial da Vila de Ponteareas cunha tipografía máis moderna e limpa polo que se unen tradición e vangarda.