Goberno de Ponteareas acelera a rehabilitación da nave de Aceros del Tea

Para tentar salvar os fondos europeos

Ponteareas | O pleno do Concello de Ponteareas aprobou cos votos do goberno local e de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, o proxecto de execución da rehabilitación da nave de Aceros del Tea, unha rehabilitación que se cofinanciará con fondos de Desenvolvemento Urbano Sostible – EDUSI (80%) e cunha parte de investimento municipal (20%), por un valor total de 637.016 euros para dotar de actividade a unha parcela de alto potencial para a cidadanía.

Esta iniciativa do grupo de goberno vén marcada pola urxencia de acometer este proxecto antes de final de ano, data na que expira o período habilitado polo programa europeo de investimento para as entidades locais. A orixe deste procedemento arranca en 2016 e tivo un punto de inflexión no 2021 coa aprobación do novo PXOM. Estas dúas datas confiren marxe máis que suficiente como para ter xa en pleno funcionamento esta infraestrutura, pero que chega á recta final do prazo estipulado totalmente estancada debido á inacción dun goberno bipartito que en ningún momento foi quen de xestionar estas axudas levando ao Concello ao límite e con apenas marxe de manobra para tentar resolvelo.

Por elo, os concelleiros e concelleiras do executivo local traballan a contrarreloxo para tentar salvar estes fondos, sendo o primeiro escollo a salvar a necesidade de conseguir canto antes a titularidade dos terreos, que a día de hoxe non é municipal, para así poder xerar en Ponteareas un novo espazo para a cidadanía.

O complexo reto de tentar resolver en apenas 5 meses o que BNG e PSOE non fixeron en 7 anos superou xa a súa primeira proba ao obter a maioría absoluta no pleno para iniciar o procedemento, sen que ambas forzas apoiasen esta iniciativa. “En goberno non souberon facelo e agora en oposición non queren”, asegura Silvia Fernández, a concelleira delegada de Urbanismo.

O goberno local traballa arreo con esa premisa urxente de acadar a titularidade dos terreos para o Concello e acelerar así ao máximo os prazos, respectando todas as garantías no proceso, para intentar chegar a tempo coa data límite do 31 de decembro.

“Sabemos das dificultades que conleva pero esgotaremos ata o último minuto a pouca marxe que nos deixou o anterior goberno porque a cidadanía ben merece contar nos novos espazos e servizos e non ten que asumir como normal que se perdan oportunidades e proxectos de alto valor, especialmente cando existen fondos non municipais que poden ser investidos aquí”, explica a concelleira.

Pola súa banda, Nava Castro agradece os apoios conqueridos no pleno e sostén a súa man tendida ao resto das forzas políticas da corporación neste, e nos demais temas e proxectos que se debatan durante o presente mandato, xa que “os veciños e veciñas queren que cheguemos a acordos polo ben común, e así o asumimos sempre neste goberno”.

Transparencia no proceso
O grupo de goberno convocará en próximas datas unha Comisión de seguimento para dar conta do estado dos fondos da EDUSI e para que todo o mundo saiba o estado real do proxecto, os prazos existentes e as decisións de gobernos anteriores que provocaron esta situación límite. O goberno municipal anunciou na sesión plenaria que se convocará este órgano porque non poden quedar dúbidas da responsabilidade de anteriores responsables que permitiron chegar á actual situación poñendo en serio risco unha inversión tan importante como esta.