O Goberno de Mondariz “utilizará todos os medios ao seu alcance” para que se repoña o servizo de Pediatría

Mondariz |  Máis de medio milleiro de veciñas e veciños asinan un escrito esixindo á Consellería de Sanidade a reposición “dun servizo esencial” como o de pediatría

O Concello de Mondariz vén de amosar a súa preocupación polo feito de que o escrito remitido á Consellería de Sanidade, pedindo “a inmediata reposición do servizo de pediatría”, teña “a calada por resposta”.

A comunicación de Sanidade realizada a mediados de novembro, comunicando aos usuarios e usuarias do Centro de Saúde, que non terían servizo de pediatría, polo menos, ata o 15 de xaneiro, foi recibida “con indignación” tanto polo Concello como pola veciñanza que se ve privada dun dos servizos básicos e que afecta a un dos sectores máis vulnerables como é o da infancia.

O Goberno local, que en canto tivo coñecemento desta situación, dirixiu un escrito urxente ao SERGAS, esixindo a reposición do servizo de pediatría, lamenta “que nin se dignaran a contestar, nin poñer freo a esta situación”.
A indignación da veciñanza de Mondariz queda patente no feito de que a iniciativa do Concello, de recoller firmas da cidadanía de cara a esixir unha solución a este problema “recoller nun tempo récord máis de 500 sinaturas, iso sen contar as reclamacións que, veciños e veciñas, de xeito individual, presentaron no Rexistro do propio Centro de Saúde”, explica o Goberno local.

O Goberno de AporM, quixo transmitir “a mensaxe clara de que non imos quedar parados ante un claro ataque contra os dereitos dos veciños e veciñas e a falta de asistencia médica á infancia, un dos colectivos máis vulnerables da sociedade”.

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, afirmou non entender a mensaxe da Xunta de Galicia “de animar á xente a volver ao rural”, cando a propia Administración autonómica, “nas súas competencias, non só non mellora os servizos de cara a asentar poboación no rural, senón que os retira, deixando a aqueles que apostan polo rural, nun grave estado carencia de servizos básicos”.

Montes Bugarín, lamenta que a mensaxe do Goberno Galego “sexa contraditorio e ao desmantelamento do servizo de transporte público, de gravísimas consecuencias para a veciñanza rural, se engada agora a diminución de asistencia médica”.

O Goberno local remata sinalando a súa firme intención de utilizar “todos os medios legais ao seu alcance, de cara a conseguir unha asistencia sanitaria digna para os veciños e veciñas”.