Goberno central informou dos avances en seguridade viaria na N-120

A Subdelegación do goberno reuniuse co Concello de Ponteareas e a Plataforma de Afectados pola N-120

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e un representante da Plataforma de afectados pola N-120, Luis Campos, mantiveron unha reunión este luns na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para coñecer os cambios introducidos tras recoller a práctica totalidade das alegacións presentadas por parte do Goberno municipal do BNG-PSOE e da veciñanza ao anteproxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada.

As modificacións inclúen a incorporación ao proxecto de dúas novas rotondas, unha en Ribadetea e outra en Areas, ademais de incrementarase o trazado da senda en zonas de moito tránsito peonil, como é na rotonda de Ganade co CIFP A Granxa ou en Xinzo, ao ter igrexa e cemiterio cada un dunha marxe da estrada nacional. Contémplase ademais a apertura de practicamente todos os vieiros municipais pechados. Todos estes cambios foron publicado este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Tras anos de traballo por parte do Concello e da Plataforma de afectados pola N-120, o Goberno municipal do BNG-PSOE valora de forma moi positiva o novo paso dado para a modificación do proxecto execución das melloras de seguridade viaria desta estrada aínda que “agardamos que o Goberno do Estado axilice ao máximo os prazos para sacar a licitación canto antes a obra de execución e que todos estes pasos non se vexan demorados polos próximos comicios electorais”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, agarda que “tras os grandes avances realizados nos últimos meses esperamos que este proxecto se faga realidade á maior brevidade de tempo posible”.

O Concello de Ponteareas manterá xuntanzas cos colectivos veciñais para amosar os planos e toda a información publicada con respecto ao proxecto en canto se recompile a documentación necesaria.

PSOE destaca o compromiso do goberno central
Delfín Domínguez, Secretario Xeral do PSOE de Ponteareas, destacou o compromiso do Delegado do Goberno cos veciños e veciñas de Ponteareas. A Subdelegación do Goberno recibiu onte en Pontevedra ao Concello e a un representante da Plataforma da Nacional 120 para mostrarlles e informarlles acerca da aprobación definitiva do proxecto de trazado para a mellora da seguridade viaria.

Así, o Delegado do Goberno cumpre o compromiso adquirido coa Plataforma, de informar periodicamente os avances do proxecto. Este compromiso foi adquirido o pasado mes de decembro, cando, a iniciativa do Secretario Xeral do PSOE de Ponteareas, Delfín Domínguez, a Plataforma da Nacional 120 tivo ocasión de explicarlle de primeira man ao Delegado do Goberno a importancia deste proxecto para Ponteareas.

Tal e como se recolle hoxe no Boletín Oficial do Estado, o proxecto de mellora da seguridade viaria contará con dúas glorietas máis das previstas incialmente; unha próxima á Capela dos Remedios, que permitirá conectar cun novo vial que vai realizar a Deputación de Pontevedra, e outra á altura de Ou Picoto en Areas.

Desde o PSOE de Ponteareas, o Secretario Xeral e candidato á Alcaldía valora positivamente “a continuidade do procedemento administrativo que permitirá reducir a sinestralidad e favorecer a convivencia entre o tráfico rodado e as persoas que viven nas tres parroquias que atravesa a Nacional”.

“A publicación no BOE de hoxe da aprobación definitiva do expediente é a proba fidedigna de que o Goberno socialista cumpre con Ponteareas e nuncá deixou de traballar no proxecto de mellora da seguridade viaria. Hoxe damos un paso máis para que os nosos veciños, maiores e nenos, teñan unha zona segura para transitar”, afirma Delfín Domínguez, Secretario Xeral do PSOE de Ponteareas.