Gerardo Rodríguez (PSdeG-PSOE) vaticina un “cambio municipal” en Oia este 28M

O candidato socialista presentou o seu equipo electoral

Oia/PSdeG-PSOE | O Partido Socialista preséntase en Oia co obxectivo de lograr a Alcaldía para “arrancar Oia, un concello parado e carente dos servizos básicos elementais” e que, por tanto, “terá que comezar a avanzar dende cero”. Así o afirmou o candidato á Alcaldía, Gerardo Rodríguez, que comparece á fronte dunha candidatura ilusionante, cun 50% de renovación, e con moito protagonismo da mocidade.

No acto participaron a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e o deputado en Cortes Guillermo Meijón. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, enviou un vídeo de apoio.

Gerardo Rodríguez afirmou que Oia, en pleno século XXI, carece aínda de servizos básicos como o saneamento ou o abastecemento de auga en boa parte do seu territorio e nin sequera conta cuns accesos en boas condicións aos núcleos de pobación. A situación agrávase pola existencia de cinco grandes puntos de vertido ao océano ao longo dos 17 Km de costa, demostrando un grave desprezo polo medio ambiente.

O candidato lamentou que Oia siga rexéndose por normas subsidiarias ao carecer dun Plan Xeral de Urbanismo por mor dos sucesivos fracasos do Concello para aprobalo. Unha cuestión que vincula, xunto co deficiente modelo turístico, á continua perda de poboación que se vén producindo nas dúas últimas décadas ata o punto de ter baixado xa dos 3.100 habitantes. Aposta por políticas municipais que permitan acabar con esta tendencia e comezar a crecer.

O turismo é unha área á que Rodríguez quere dedicar boa parte dos esforzos municipais. Fala de desestacionalizalo, dado que en Oia a temporada é moi curta e tamén de promocionar adecuadamente o mosteiro, símbolo do Camiño Portugués pola Costa.

Ademais pretende recuperar festas tradicionais como a do ourizo e o percebe, así como traballar para que Tamuxe-Carballas se integre na Denominación de Orixe vitivinícola Rías Baixas, “porque é unha prolongación natural dos viñedos do Rosal”.

Reclama políticas municipais en favor do desenvolvemento económico “verde”, da cultura para todos/as, do deporte e da atención ás persoas maiores, que precisan dun centro de día e lugares de encontro nos que desenvolverse.

“Aprobaron as marías e deixaron moitas asignaturas pendentes”
Lamentou o tempo perdido nestes últimos anos, cunha alcaldesa e un grupo de goberno paralizados, que só viven das achegas que fai a Deputación e que son incapaces de deseñar a Oia do futuro nun momento no que están a chegar os fondos Next Generation de Europa a través do Goberno central e no que xa non é posible permanecer indiferentes. “Sufrimos un Goberno municipal que só aprobou as “marías” e deixou moitas asignaturas pendentes”, afirmou.

Ao respecto da súa lista amosouse moi ilusionado porque, significou, “foi doado confeccionala diante da boa receptividade”. Subliñou que hai unha “sensación moi boa, un runrún de cambio que se vai concretar o próximo día 28 sacándonos a espiña de hai catro anos, cando quedamos a moi poucos votos da Alcaldía”.

Recordou que o Partido Socialista confeccionou xa hai tempo a súa candidatura, mentres o PP e o BNG non o fixeron ata hai ben poucos días. “Estamos a recoller os froitos do traballo feito nos últimos catro anos, nos que fomos a referencia de tódolos debates sociais”, concluíu.