GDR Condado Paradanta busca a mellor estratexia turística

Xuntanza no Covelo con asociacións e colectivos locais

O Covelo | O GDR Condado Paradanta convoca ás asociacións e colectivos de Covelo a un encontro de traballo no marco da iniciativa “Pensa, actúa e constrúe territorio”. O vindeiro mércores 29 de xuño no auditorio municipal asociacións e GDR traballarán no deseño da estratexia turística para o desenvolvemento da zona.

O presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo salienta “a necesidade de colaborar cos diferentes actores socioeconómicos do territorio. Queremos constituír foro de debate, sensibilizar e optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos e artellar dinámicas de participación nas que tódalas entidades se vexan representadas” asegura Castillo.

A sesión está dirixida a entidades públicas e privadas representantes do territorio de actuación que poidan encadrarse nalgunha das seguintes mesas sectoriais: asociacións de mulleres, asociacións de mozos, asociacións de acción social; asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente; asociacións do sector agrario, asociacións de empresarios e agrupacións de profesionais; asociacións do sector cultural, educativo ou etnográfico e o sector público.

Na reunión, que será ás 21 horas, darase a coñecer o traballo da entidade e informarase sobre as posibilidades de participación dos diferentes actores sociais.