
A Cañiza | Unha xornada de BMX que reuniu a diferentes riders arredor do formato Game Of Bike LEAGUE, nun ambiente distendido e marcado pola práctica compartida deste deporte.
A iniciativa partiu de @RickiRides, quen promoveu o encontro no Municipio coa idea de xuntar a riders e xerar movemento arredor do BMX na zona. A actividade desenvolveuse entre as 11:30 e as 15:00 horas, combinando momentos de reto entre participantes con outros máis informais.
Ao longo da mañá participaron varios riders que se foron retando entre si seguindo a dinámica habitual do Game Of Bike, nun formato de enfrontamentos directos no que cada competidor debía repetir os trucos do seu opoñente. O erro traducíase na suma de letras ata completar “BIKE”, marcando así o avance das distintas roldas.
Máis alá do resultado, a xornada estivo centrada na convivencia, o intercambio de trucos e o ambiente entre participantes e público, que se achegou ao skatepark para seguir de preto a actividade. Ao remate, o Alcalde Luis Piña e a concelleira María José Rodríguez entregaron o premio ao rider gañador así como un detalle protocolario a todos os participantes.
O Alcalde agradeceu á organización ter contado co Concello e co seu skatepark municipal, considerado un dos máis completos de Galicia, para dar visibilidade ao BMX e contribuír á difusión deste deporte urbano tamén en contornas rurais.




