GALP Ría de Pontevedra desenvolverá 27 novos proxectos

As axudas roldan os 900.000€

Marín | Tras a revisión de proxectos presentados á última convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca que se pechou o pasado 1 de marzo, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra dá a coñecer os 27 proxectos aprobados promovidos por emprendedores e entidades da área da Ría de Pontevedra.

Estas iniciativas non só mellorarán a competitividade dos sectores pesqueiro e marisqueiro da contorna da ría; senón que tamén fomentarán a diversificación e o crecemento da actividade económica; impulsarán o aproveitamento dos recursos medioambientais, promoverán a protección e a posta en valor do patrimonio e promocionarán o desenvolvemento local.

Das 54 solicitudes recibidas nesta convocatoria, 27 foron as seleccionadas. Destas, 14 correspóndense a proxectos de carácter produtivo e 13 a non produtivos. Entre os proxectos produtivos, que poden chegar a ser subvencionables ata nun 50%, atópanse propostas do máis diverso que van desde a adquisición de vehículos isotérmicos para a comercialización de peixe ata o acondicionamento dun restaurante pasando pola adaptación á venda en liña, o desenvolvemento de novas liñas de produtos ou experiencias relacionadas coa pescaturismo.

En canto aos proxectos non produtivos, que poden ser subvencionables ata nun 100% nalgúns casos, hai iniciativas vinculadas ao aproveitamento e recuperación dos recursos naturais e patrimoniais da Ría de Pontevedra como programas educativos promovidos por concellos, proxectos de mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade para equipamentos turísticos; e tamén xurdiron iniciativas de restauración de embarcacións tradicionais e de desenvolvemento de servizos turísticos en bicicleta.

Se nos centramos nos eixos estratéxicos dos proxectos, dezasete correspóndese ao de valor engadido, catro ao ámbito medioambiental, cinco ao patrimonial e un é un  proxecto de gobernanza. Os proxectos pódense consultar na seguinte ligazón.

En canto as partidas económicas, os investimentos superan o millón e medio (1.619.798€) sendo o importe subvencionable de preto dun millón trescentos mil (1.259.767,07 €) e o valor das axudas un total 847.706,63 €

Grazas a estas axudas, o GALP Ría de Pontevedra leva varios anos apoiando proxectos do máis diverso de gran impacto a socioeconómico, mediambiental e patrimonial. Desde 2016, o número de iniciativas aprobadas roza o centenar (96).

Nova convocatoria de axudas
Actualmente está aberta unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de setembro. Os proxectos deben desenvolverse nos concellos da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo ou Meaño) e encaixar dentro da EDLP.

“Actualmente está aberta unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP)”

As persoas emprendedoras e entidades interesadas poden contactar co grupo para solicitar máis información sobre esta convocatoria chamando aos teléfonos 886 213 015 / 698 180 887 ou enviando un correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com.

Presentación de Relevo2
Este mércores presentouse publicamente o proxecto RELEVO2_Mocidade Abordo co que os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Vigo – A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña Ortegal colaborarán para achegar o sector pesqueiro a as súas oportunidades de futuro ao alumnado de 4º de secundaria.

O acto de presentación, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, contou coa presencia na mesa da presidenta do GALP Ría de Arousa, María Vales, e a súa xerente, Rosa Carballo, e co presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, ademais de 40 persoas máis de asociacións do mar, confrarías, empresas, entidades de carácter social ou centros de formación vinculados co sector pesqueiro, que teñen en común a aposta pola formación e divulgación dos oficios e saídas profesionais do mar como una vía fronte á problemática do relevo xeracional.

Neste momento o proxecto, que está presente en 58 concellos e lanza a súa información a máis de 250 institutos das 3 provincias costeiras, está na fase de arranque para a captación de centros educativos participantes; a asistencia técnica está facendo visitas para a promoción da iniciativa e xa hai centros anotados de varios territorios dos GALP promotores.  No caso dos institutos da área do GALP Ría de Pontevedra a maioría dos centros xa foron informados. Así mesmo, desde este GALP tamén se realizará unha presentación da iniciativa no propio territorio.

Outros artigos