Galicia participará en Cabo Verde no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

No mes de xullo e a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Pontevedra | A cidade caboverdiana de Mindelo acollerá do 7 ao 9 de xullo o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e pola Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde.

Autoridades locais e rexionais de Galicia, do arquipélago africano e mais de Portugal, Brasil, Angola, Guinea-Bissau, Mozambique ou São Tomé e Príncipe participarán neste encontro, cofinanciado pola Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que promove a implementación da Axenda 2030 no eido local.

‘Desenvolvemento local e a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha visión asentada no proceso de transición dixital dos territorios’ é o epígrafe baixo o que se celebrarán as xornadas, que se divulgan coincidindo co Día de África, no que Nacións Unidas chama precisamente a apoiar ao continente na consecución dos ODS.

O programa incorpora tanto sesións plenarias como obradoiros arredor das tres temáticas principais: resiliencia fronte ao cambio climático, finanzas municipais e mobilización de recursos, e mais planificación, xestión e orzamentos participativos nas políticas públicas locais.

Así mesmo, haberá unha mesa de intercambio de experiencias sobre a monitorización da Axenda 2030 e xuntanzas entre os actores para concretar futuras colaboracións. Terá lugar asemade a reunión anual da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, impulsada polo Fondo Galego tras o primeiro foro realizado en Santiago de Compostela en 2019. As persoas participantes terán ademais ocasión de visitar Mindelo e a illa de Santo Antão.

Ata o 30 de maio está aberto o prazo para que as deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que desexen presentar en Cabo Verde boas prácticas arredor das temáticas sobre as que xira o evento envíen as súas candidaturas a través da ligazón bit.ly/InscricionForo3.

No entanto, calquera persoa que queira asistir pola súa conta ao III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía pode apuntarse no mesmo formulario.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.