Galicia non é terra para VOX

As complicacións para elixir candidatura á Xunta derivarán nunha opción máis "ideolóxica"

Non hai consensos en VOX para definir a súa candidatura en Galicia de cara ás eleccións da Xunta previstas para o vindeiro 18 de febreiro. Se primeiro o partido de Santiago Abascal barallou a posibilidade de designación de Manuel Fraga Pedroche, asesor de VOX no Parlamento Europeo e neto do histórico ex presidente da Xunta (PP) Manuel Fraga Iribarne, tal e como adiantou o diario El País, agora a decisión final de elixir candidatura está en mans do seu Comité Nacional, segundo afirman Diario de Pontevedra e a Cadena COPE.

Non é un segredo que os de Abascal queren xogar forte nun terreo chave para o PP como é Galicia. Pero teñen serias dificultades para elixir unha candidatura. A pesares dos pactos en diversos gobernos municipais e autonómicos a nivel estatal, son tamén notorias as diferenzas entre Abascal e o PP de Feijóo. E nas eleccións autonómicas para a Xunta esta polarización PP-VOX estase impoñendo.

En Madrid, o PP xa advertiu a VOX de non presentar candidatura en Galicia para non dispersar o voto da dereita dentro da súa pretensión por alcanzar a quinta maioría absoluta consecutiva agora con Alfonso Rueda ao fronte da Xunta. Unha dispersión que xa se observa dende a esquerda galega coa candidatura de Marta Lois por SUMAR, a fragmentación de apoios entre os militantes do “universo PODEMOS” e as peticións aos seus militantes galegos por parte do seu ex líder e tótem político e ideolóxico Pablo Iglesias para que voten agora polo BNG.

Na súa curta traxectoria electoral, Galicia nunca foi un terreo propicio para VOX, cuxo espazo político e electoral está basicamente monopolizado polo PPdeG. Isto explica porqué a presenza electoral de VOX nas diversas eleccións que se veñen realizando en Galicia nos últimos anos é meramente testemuñal.

Como informa La Voz de Galicia, nas autonómicas de 2020 acadou pouco máis de 26.000 votos en Galicia e nas xerais de 2023 uns 77.000 votos. Nas municipais de maio pasado o partido “verde” alcanzou só unha acta de concelleiro no Concello ourensá de Avión.

A candidatura galega de VOX estase convertendo nunha complicación para o seu Comité Nacional, que xa anunciou unha elección “moi ideolóxica” cos seus postulados. Intúese por tanto unha elección en chave estatal e non galega. Todo indica que as vindeiras eleccións autonómicas seguirán mantendo esa irrelevancia de VOX na política galega.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.