Begoña Caamaño, a figura honrada coas Letras Galegas 2026, defendía a lingua como factor de rebeldía. Un prisma oportuno se o ampliamos cara o que está sucedendo neste mundo de cambios e de contrastes, de predominio do poder da violencia. Esa “rebeldía” tamén implica apostar por Galicia e o seu lugar neste mundo do século XXI que cambia tan aceleradamente.
Cando se fala de Galicia e da súa acción exterior veñen inmediatamente ao plano de discusión dúas perspectivas: a diáspora e Europa. Alén do cambio xeracional e das correntes migratorias, a diáspora é o principal activo exterior de Galicia, que preserva a súa identidade, lingua e cultura. Europa é a aposta polo desenvolvemento, polo entorno do que forma parte Galicia como Eurorrexión, como Comunidade Autónoma.
Pero hai outros “mundos” que esixen tamén apelar a esa “rebeldía” que tanto defendía Caamaño. A lusofonía é un factor pendente. É un ámbito natural para Galicia no xeopolítico, económico e cultural. Dende Brasil ata Macau pasando por Cabo Verde, Angola, Guine Bissau e Mozambique. A nosa Comunidade debe ter unha presenza máis activa nesas redes da lusofonía e institucións como a CPLP. Non ser un mero observador senón un activo participante, con propostas e estratexias de futuro comúns.

O Camiño de Santiago é outro vector que pode dinamizar esa acción exterior de Galicia, pero non únicamente en materia turística ou de patrimonio histórico e cultural. O seu acervo apela ao encontro, ao diálogo, á espiritualidade, á paz, aspectos hoxe tan importantes neste mundo de tensións incesantes. Por qué non realizar un Congreso Mundial de Paz en Galicia? Por qué non apostar pola creación de redes permanentes de encontro que reúnan a líderes mundiais, institucións, intelectuais? Como emisor e receptor de diásporas, Galicia ten “Camiño” percorrido nese sentido.
“A acción exterior segue ser a orfa das políticas públicas en Galicia”
A acción exterior segue ser a orfa das políticas públicas en Galicia. Tempo hai para emendar esta carencia. Só falta a vontade institucional e social para apostar por eses horizontes. Que a rebeldía de Begoña Caamaño sirva como exemplo para ese obxectivo. Feliz Día das Letras Galegas 2026.





