
Nin a permanente choiva destes días impediu que a festa electoral dera comezo nas distintas localidades da xeografía galega. O PPdeG, o BNG, o PSdeG-PSOE e a Fronte Ampla, entre outras formacións políticas, comezaron na madrugada deste 13 de novembro as súas respectivas pegadas de carteis electorais de cara ás eleccións xerais do 29 de novembro (29N)
PPdeG: o “cambio necesario”
Dende Santiago de Compostela, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo, “a única persoa capaz de emprender a reconstrución nacional. Hoxe comeza a conta atrás para o cambio necesario. Galicia será o motor de cambio, enchendo as urnas de futuro para España”.

Acto de inicio de campaña do PPdeG en Santiago de Compostela.

O PP iniciou a súa campaña en Ourense co presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, a deputada Ana Vázquez e Miguel Santalices, cabezas da lista electoral provincial do PP.
BNG: a “papeleta da dignidade”
No mitin de apertura en Vigo, a voceira nacional Ana Pontón instou que a mobilización masiva da cidadanía galega na folga xeral do 11N se traslade ás urnas cun voto masivo ao BNG nas eleccións xerais, xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.

Ana Pontón e Carme da Silva, acompañadas do líder do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, deron o “pistoletazo” de saída da campaña electoral.
PSdeG-PSOE: a “forza da xente”
Vigo foi tamén o escenario de arraque da campaña dos socialistas galegos. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento a mobilizarse “con ilusión, responsabilidade e ganas para defender Galicia” e a concentrar o voto progresista no Partido Socialista, acompañado polos candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Abel Losada e Carmela Silva, así como o alcalde Abel Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou en Vigo a campaña electoral dos socialistas galegos con Abel Caballero en primeiro plano.

Os socialistas tamén se mobilizaron coas pegadas de carteis en Monforte de Lemos.
Fronte Ampla: “fai fronte. Dereitos e futuro”
A Coruña foi a praza de comezo da campaña electoral da Fronte Ampla en Galicia cunha mensaxe orientada á defensa “valiente e comprometida cos dereitos sociais”. No acto participaron Xosé Lois Piñeiro, cabeza de lista ao Congreso pola provincia de A Coruña, e Trinidad Palacios, número dous desa candidatura.

A Fronte Ampla iniciou na Coruña a súa ruta electoral co foco nos dereitos sociais. Foto de ACoruñaXa.




