Galicia Calidade de O Ribeiro pretende que máis adegas se adhiran ao selo de garantía

Juan Casares loa o labor que Ana Méndez está a facer á fronte de Galicia Calidade

Ribadavia | Juan Manuel Casares Gándara, presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeiro e Ana Méndez, directora-xerente de Galicia Calidade, reuníronse na sede institucional do consello regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para celebrar un encontro para expoñer os proxectos que se levarán a cabo este ano e poder estudar novas liñas de traballo en común para o futuro.

Trataron tamén fórmulas para que se poidan certificar máis viños desta denominación ao selo de garantía de Galicia Calidade. Polo momento únicamente dúas adegas e os seus viños están adscritas.

Juan Casares puxo a disposición de Galicia Calidade o seu apoio a esta marca de calidade que recentemente cumpriu 25 anos para axudar no seu obxectivo de incrementar os produtos certificados. Na xuntanza trataron a posibilidade de certificar a Ruta do Viño do Ribeiro, que se convertería así na primeira experiencia enoturística en facelo.

En palabras de Casares “quero felicitar a Ana Méndez polo labor que está a desenvolver nos meses que leva á fronte de Galicia Calidade, considero que o seu traballo é unha fonte de revitalización para esa marca, que é unha das bandeiras agroalimentarias que actualmente temos en Galicia”.