Galicia aproba xestionar case 8,5 M€ de fondos Next Generation

O director de Turismo participa na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid

Madrid | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde se aprobou unha ampliación do reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos europeos Next Generation. No horizonte 2026 serán case 8,5M€ os que a Xunta de Galicia xestionará a maiores para un Plan de Competencias Dixitais e impulsar medidas de eficiencia enerxética, entre outras accións.

En concreto o Goberno autonómico executará o Plan de Competencias Dixitais cun investimento de preto de 2,5M€ e unha previsión de formación de 892 profesionais do sector a través de cursos de 150 horas. O prazo de execución será ata o ano 2026.

Tamén se aprobou a nova convocatoria do plan de eficiencia enerxética. Galicia, xunto a outras Comunidades autónomas, solicitou que se modificaran as condicións desta nova convocatoria, para adecualas ás demandas do sector. Así se aprobou finalmente, de xeito que na nova convocatoria de axudas para a mellora da eficiencia enerxética para as empresas turísticas eliminaranse as esixencias de aforro enerxético do 30% e se subvencionará tamén a enerxía fotovoltaica.

Tamén se solicitou a ampliación de prazo de execución ata 2026, que finalmente se formularía ante a Unión Europea por se é posible implementalo como unha addenda. Galicia xestionará 5,5M€ para estes aspectos. A maiores, aprobouse unha campaña de comunicación e sensibilización que desenvolverá cada territorio cun investimento de algo máis de 400.000 euros para o destino galego.