Galeguismo conservador.

Non podo revelar as fontes pero sei de boa tinta que “Madrid, Madrid, Madrid” era o lema orixinal da campaña do PP ás autonómicas. O que pasou foi que un galeguista conservador que traballaba na imprenta cambiou o lema polo de “Galicia, Galicia, Galicia”. Xa levaban nove millóns douscentos mil cartaces feitos, cando Feijóo se enterou e dixo: “Agora xa está feito, deixádeo estar”. Iso si, o galeguista foi despedido e botou dou meses a pedir polos camiños, até que Baltar se apiadou del e lle ofreceu un posto na embaixada que ten a Deputación de Ourense en Estados Unidos. O paisano en cuestión chámase como o ex-líder cubano Raúl Castro e no PP tíñano martirizado por causa do seu nome. Por iso el sempre asina: Raúl C. Regueira. O seu traballo en EE.UU. consiste en traducir ao inglés “La Región” e mandárllela a Trump e a Biden e traducir ao galego / castelán (50% de cada) “The New York Times” e mandárllelo a Baltar pai e fillo.

Polo visto, cando Ayuso se enterou de que Feijóo aceptara cambiar o lema de campaña colleu tal berrinche que botou tres días sen comer. Da directiva de Génova chamaron preocupados a Feijóo e este prometeulles non volver falar de Galicia en toda a lexislatura. E cando, polo que sexa, se lle escapa e di “Galicia”, Ayuso bota un día sen comer. Pero detrás de todo está a Esperanza Aguirre que acribilla ao CNI con informes para que investiguen tamén o PP de G: “Que si Franco era socialista, que si Fraga era filocomunista, que si Feijóo é nacionalista”. E como probas adxunta unha lista de agravios dos que lle informa unha toupa que ten no PP de Ourense: que levaron á cidade das Burgas o cadro da derradeira lección do mestre de Castelao, inaguraron as exposicións dos suevos, do grupo Nós, fixeron estatuas a galeguistas, financian a RAG,… “Abónanlle o terreo ao BNG”, di Aznar (que tamén está no allo e aínda recorda a agarrada que tivo con Cuíña pai). Rajoy, sempre tan moderado, propuxera un lema de consenso: “España, España, España”, pero tamén fracasou, porque o galeguismo conservador moveu os seus fíos e o lema acabou sendo “Galicia, Galicia, Galicia”, que ten un significado oculto: GAL i CIA. E ten 7 letras, porque o sete xa sabemos…

Se Otero Pedrayo levantase a cabeza dubido que dixese: “Por ignorados vieiros maniféstase o espírito da terra”, senón máis ben, quizáis: “Se este é o galeguismo conservador de hoxe, que o demo me leve”.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.