Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra

Homenaxe aos deportistas galegos no Castelo de Soutomaior
No evento participaron 24 deportistas da provincia que acudiron ás Olimpiadas e Paralimpiadas de Tokio.

Pontevedra | Orgullo e recoñecemento por una provincia que vive o deporte e por uns e unhas deportistas que están a darlle os maiores éxitos neste eido a Galicia. Foi o que esta tarde puxo en valor a gala organizada pola Deputación de Pontevedra para honrar a todo o deporte provincial e, de xeito máis especial, ás e aos seus deportistas de alto nivel, promesas, olímpicos/as e paralímpicos/as que converteron este 2021 nun ano excepcional.

Preto de 200 persoas déronse cita nos xardíns do Castelo de Soutomaior nesta homenaxe ao esforzo e aos valores que estes protagonistas transmiten ao resto da sociedade, e no que tamén se realizou un sentido recoñecemento ao adestrador de balonmán Fran Teixeira, recentemente falecido.

O evento, retransmitido en streaming e conducido polo xornalista Terio Carrera e por Lorena Pérez, capitana do Atlético Guardés de Balonmán, desenvolveuse nun espectacular escenario decorado en cores lila e gris, e reuniu en Soutomaior ás a unha representación dos 181 deportistas becados este ano coas bolsas da institución DepoDan (Alto Nivel) e DepoPromesa, así como dos 24 deportistas da provincia que acudiron ás Olimpiadas e Paralimpiadas de Tokio. Amais, entre o público estiveron representantes das federacións e clubes, así como dos concellos da provincia e deputados e deputadas.

“O evento (…) reuniu en Soutomaior ás a unha representación dos 181 deportistas becados este ano coas bolsas da institución DepoDan (Alto Nivel) e DepoPromesa, así como dos 24 deportistas da provincia que acudiron ás Olimpiadas e Paralimpiadas de Tokio”

A presidenta provincial, Carmela Silva, enxalzou os logros acadados este ano polos e polas protagonistas do acto, pero sobre todo, o seu “esforzo e sacrificio”. “Son consciente de que o deporte crea sociedades máis inclusivas e con maiores valores –subliñou-. Por iso apoiar o deporte é imprescindible para construír sociedades mellores e máis avanzadas”.

Neste senso, apuntou que para a Deputación “é unha obriga” o respaldo ao deporte base “para que clubs e deportistas poidan ter recursos para desenvolver as súas disciplinas” e ao deporte de elite “que é tan importante e sitúanos a nivel nacional e internacional”.

“A xente sabe que existe a provincia de Pontevedra por moitas razóns, pero eles e elas levan o noso nome onde compiten e estamos moi agradecidos e agradecidas, porque son o reflexo do que queremos ser na provincia de Pontevedra”. “E amais esta provincia está a darlle os maiores éxitos deportivos a Galicia”, salientou, tras recoñecer as 8 medallas e 13 diplomas acadados polos e polas representantes da provincia nos Xogos de Tokio.

Sen dúbida, o momento máis emotivo foi a sentida homenaxe brindada a Fran Teixeira, que faleceu recentemente. Trala proxección dun vídeo no seu recordo, foi Daniela Cid, xogadora infantil do Club Balonmán Chapela –o último equipo que adestrou  Fran Teixeira durante 14 anos- quen fixo entrega á  súa viúva Salomé Martínez, ao seu fillo Adrián e a súa parella Marta, así como á súa filla Alejandra, dun retrato do adestrador feito pola artista Pilar Delmas, entre o cálido aplauso do público.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou que “é unha obriga” o respaldo ao deporte base.

A presidenta mostrou o seu respecto e agarimo pola figura do adestrador desaparecido e congratulouse de que “aínda que esta é unha homenaxe póstuma, xa en vida Fran puido desfrutar do agarimo e da admiración de toda a provincia como viviu no acto que celebramos na sede provincial en Vigo”.

Juan Saavedra (tiro), Támara Echegoyen (vela), Antía Jácome (piragüismo), Agustín Alejos (baloncesto), Gustavo Rodríguez (guía de ciclismo) e Chano Rodríguez (natación) conformaron a representación olímpica e paralímpica presente na gala, xunto á xogadora de balonmán Begoña Fernández.

Mentres que no caso dos e das deportistas becados coas bolsas DepoDan e DepoPromesa, interviñeron Pablo Cabana (natación), Álex Sierpes (atletismo) e Lidia Pérez (loita olímpica). Tamén tiveron voz no acto Susana García Senra (en representación da Federación Galega de Deporte Adaptado), Fredi Bea (Federación de Piragüismo).

No evento, que foi amenizado coa actuación musical do dúo Irewire e que contou amais cun animado photocall, proxectáronse dous vídeos, un que recolle os nomes das e dos deportistas becados coas bolsas DepoDan (que son neste ano 137, 58 mulleres) e DepoPromesa (44 deportistas, 17 mulleres) e o audiovisual A realidade das mulleres deportistas, lanzado pola institución provincial este ano con motivo do 8M para enxalzar os logros das deportistas e denunciar as discriminacións que aínda existen neste ámbito

Formación “Labora 2020”
A Deputación de Pontevedra pon en marcha entre este mes de outubro e novembro novas accións formativas presenciais e gratuítas no marco do proxecto “Labora 2020”, que se desenvolverán nos concellos de Pontevedra, Vigo, A Guarda, Cangas e Lalín. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está destinado á inserción das persoas máis vulnerables e ten por obxectivo mellorar a formación e a empregabilidade na provincia.

En concreto, o programa está dirixido a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que pertenzan a colectivos vulnerables (persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas ou comunidades marxinadas e outros colectivos desfavorecidos.

Este mes de outubro comeza o itinerario formativo de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, nos concellos de Pontevedra e Vigo. Trátase dunha acción de 632 horas e que permitirá ás persoas beneficiarias formarse para traballar como auxiliares de axuda a domicilio, asistentes de atención domiciliaria o como coidadores/as de persoas maiores con diversidade funcional ou persoas convalecentes no domicilio.

En Vigo desenvolverase tamén o itinerario Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, cun total de 482 horas de formación para as ocupacións de coidador/a de persoas con diversidade funcional e persoas dependentes en institucións. O terceiro dos itinerarios, de Docencia da Formación Profesional para o Emprego, terá lugar nos concellos de A Guarda, Cangas e Lalín, iniciarase en novembro e consta de 412 horas. A actividade permitirá ás persoas beneficiarias converterse en formador/a de FP non regrada e formador/a para o Emprego.

As inscricións nestas actividades deben realizarse a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/labora-2020) e as persoas interesadas poden informarse tamén nos teléfonos 986 804 100 (extensión 40846) ou no correo electrónico labora2020@depo.es.