Francisco Rodríguez será o candidato do PSOE en Ourense

Foi rexedor municipal desde 2007 a 2012

Ourense | O PSdeG-PSOE confirmou que Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense de 2007 a 2012, será candidato á Alcaldía nas eleccións de 2023. Os socialistas evitan así celebrar unhas primarias para as que se postularon o actual portavoz municipal, Rafael Rodríguez Villarino e a secretaria xeral da agrupación local, Natalia González.

A dirección do PSdeG propuxo a Francisco Rodríguez para desbloquear a situación. Todas as partes están de acordo coa operación e Ferraz suspendeu xa as primarias en sinal de unidade en torno ao candidato.

Rodríguez presentarase como candidato á Alcaldía á que chegou por primeira vez no ano 2007 grazas a unha coalición co BNG. Rodríguez mellorou resultados nos comicios do 2011 e logrou revalidar a Alcaldía, de novo co apoio do BNG.

Pero o día 20 de setembro do ano 2012 a xuíza Pilar de Lara ordenou a súa detención no marco da Operación Pokémon. Recentemente arquivouse unha das pezas nas que se lle investigaba e, quedan outras por resolverse, tanto Rodríguez como o seu partido confían en que todas as acusacións que pesaban sobre el quedarán finalmente en nada. Rodríguez abandonou a militancia do PSOE cando foi detido e aínda non recuperou o seu carné.

“Imos a por todas co mellor candidato que podemos presentar”, explican fontes da dirección do PSdeG que lidera Valentín González Formoso. Esta designación “supón restablecer feridas e devolverlle a Paco Rodríguez unha posición, desde a dignidade, a honradez e a recuperación do orgullo dun gran alcalde que sufriu unha persecución inxusta e que privou a Ourense da mellor etapa do últimos vinte anos”, engaden desde a executiva galega.

Natalia González (sobriña política de Rodríguez e que foi do seu equipo de confianza cando él era alcalde) dixo respectar a decisión do partido e afirmou poñerse a partir de agora “a total disposición para traballar e gañar Ourense xuntos”. Rafael Rodríguez Villarino garda silencio. Nas eleccións municipais de 2019 fora o candidato máis votado, cuns resultados históricos na cidade. Na foto Francisco Rodríguez e Valentín González Formoso.