Foro para debatir propostas de futuro para a Ribeira Sacra

Será no balneario de Pantón o día 24

Lugo | A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, no marco da iniciativa Conecta Lugo que comparte coa Xunta de Galicia, o II Foro Think Tank “Ribeira Sacra: aposta de futuro”, un encontro que busca ser ferramenta de coñecemento e debate sobre as potencialidades económicas da zona sur da provincia, así como punto de xeración de ideas de futuro para a Ribeira Sacra.

O encontro terá lugar no Balneario Augas Santas de Pantón o próximo día 24 de outubro, luns, en horario de 10:00 a 14:00 horas e contará con intervencións de representantes da Xunta de Galicia e outras entidades de importancia na Ribeira Sacra, así como dalgunhas das empresas máis dinámicas da zona, entre outras.

Máis concretamente, o Foro dividirase en tres mesas de traballo, nas que se debaterá sobre “O potencial do sector agroalimentario”, “Excelencia e sustentabilidade como camiño do turismo” e “O viño como porta ao mundo”. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición que xa pode tramitarse a través da páxina web da CEL, www.cel.es ou chamando ao 982 23 11 50.

Conecta Lugo
Trátase do segundo Foro Think Tank que a CEL organiza, tras o celebrado no mes de maio en Ribadeo, no marco do proxecto Conecta Lugo. Esta iniciativa permitiu á organización empresarial lucense ofrecer, co apoio da Xunta de Galicia, diferentes servizos ás pemes lucenses ao longo do último ano, coa finalidade de asesoralas e animalas a presentar solicitudes ás diferentes liñas de axudas da Administración Autonómica.  O obxectivo final é o de incrementar os proxectos innovadores na provincia de Lugo, especialmente na zona rural, e mellorar a competitividade das empresas lucenses.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos