Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade afianza a colaboración co pobo saharauí

O seu presidente Juan González visitou os campos de refuxiados de Tindouf

Aldea Global | O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, atópase nos campamentos de persoas refuxiadas de Tindouf (Alxeria) para coñecer de primeira man as problemáticas que afronta a poboación saharauí e establecer novas vías de colaboración directa coas autoridades locais da RASD, especialmente en materia ambiental.

O representante da asociación de concellos e deputacións forma parte da delegación galega que esta semana se acha sobre o terreo para visitar diversas instalacións e reunirse con dirixentes dos distintos niveis de goberno.

O propio presidente da República Árabe Saharaui Democrática, Brahim Gali, recibiu onte á comitiva para agradecer o seu apoio, manifestando que “este pobo pasou trinta anos cooperando coas Nacións Unidas para gozar de 24 horas de liberdade nas que poder votar para decidir o noso futuro, pero non foi posible e vímonos obrigados a volver á guerra con Marrocos, que desafía á comunidade internacional ocupando novos territorios sen que esta amose sequera a súa preocupación”.

Juan González interveu no acto para destacar “a grande aprendizaxe que están supoñendo estes días sobre o terreo, nos que comprobamos o moito que temos en común coa poboación saharauí, polo que tamén somos corresponsables na procura dunha solución pacífica ao conflito e en contribuír á axuda humanitaria”.

No entanto, a axenda institucional deu comezo o luns coa recepción por parte da gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, que previsiblemente asinará este venres un convenio de colaboración co Fondo Galego para implementar na provincia un primeiro proxecto arredor da xestión de residuos. Pola súa banda, a ministra de Asuntos Sociais e Promoción da Muller, Suelma Beirul, subliñou o importante papel das donas nun contexto onde “os mozos están na fronte, polo que elas se encargan en boa medida da xestión dos campamentos e das propias estruturas de goberno”.

A delegación galega foi tamén recibida polo ministro de Educación, Mrabih El-Mami, quen salientou “a grandísima responsabilidade que supón educar as xeracións futuras con moi escasos recursos”. Visitaron asemade o impactante centro Chrayef para vítimas da guerra e das minas e hoxe trasladaranse á Wilaya de Smara, onde percorrerán as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Nos próximos días reuniranse ademais coa Primeira Ministra, Bucharaya Hamudi Beyun, así como coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi, e visitarán o Hospital Nacional. Por último, atoparanse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas desaparecidas e mais coa Comisión Nacional de Dereitos Humanos.

Esta primeira misión do Fondo Galego de Cooperación aos campamentos saharauís prodúcese no marco da visita organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia, na que participan membros do Parlamento de Galicia, autoridades locais, persoal médico e familias acolledoras, entre outros. No entanto, a entidade xa ten feito chegar a este pobo a solidariedade dos nosos municipios tanto a través da axuda humanitaria -alimentar e sanitaria principalmente- como mediante proxectos de reconstrución, tal é o caso da rehabilitación dunha unidade de atención sanitaria na Wilaya de Dajla tras as graves inundacións de 2015.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.