Festas de Setembro en Ponteareas

Con máis de 30 propostas culturais e deportivas

Ponteareas | O Concello de Ponteareas presenta o programa das Festas de Setembro para encher de cultura e de lecer a vila durante todo o mes. Máis de 30 propostas culturais e deportivas completarán unha oferta para todos os públicos, en todos os espazos da vila, e adicada a festexar con seguridade e diversión os seus días festivos.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destacou que todas as actividades previstas están programadas para que todos os veciños e veciñas “desfruten dun mes de setembro ao grande”. “Queremos que as nosas rúas manteñan o dinamismo do verán e, por iso, presentamos unha oferta ampla na que calquera grupo de idade poderá atopar actividades do seu gusto”, concluíu a rexedora.

O mércores 8 iniciaranse Os Remedios cun pasarrúas de xigantes e cabezudos e co posterior concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. O xoves o público familiar poderá gozar co grande espectáculo do Mago Teto antes de que o venres volva a música con Boyanka Kostova, que fará vibrar á mocidade nos centos de cadeiras habilitadas para toda a fin de semana no parque da Feira Vella. O sábado será a quenda dos ritmos verbeneiros do Sonoro Maxín, e o domingo 12 será Pelepau quen peche as festas dos Remedios.

Todos os concertos serán gratuítos e terán capacidade limitada. As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da páxina web: https://www.eventbrite.es/o/concello-de-ponteareas-31045287367

Dada a inestable situación sanitaria, este ano non se celebrará tampouco a Feira Tradicional dos Remedios, que ateigaba antes da pandemia as rúas do centro urbano con varios miles de persoas.

A música do país seguirá sendo protagonista no mes das Festas, e Ponteareas vivirá na mañá do sábado 11 a 34º edición do Festival Folclórico do Condado con actuacións en diferentes puntos do centro urbano para evitar aglomeracións. O sábado 18 a vila será a capital galega da gaita coa 54º edición do Concurso de Gaitas do País, que se clausurará co concerto de Milladoiro ás 22:00 horas no parque da Feira Vella.

A Volta Ciclista a Galicia será o evento deportivo máis importante do programa. Ponteareas será unha vez máis un dos espazos máis de referencia para o ciclismo galego. Entre os días 16 e 19 de setembro a vila do Tea acollerá dúas etapas da 19 edición da Volta Ciclista a Galicia: a inaugural, unha contrareloxo individual de seis quilómetros con saída e chegada no centro do municipio, e a segunda, que partirá dende Ponteareas e regresará a ela tras un percorrido de máis de 140 quilómetros polo concello e a comarca.

Previamente, o 12 de setembro, celebrarase unha nova edición do Trofeo Ciclista Festas de setembro, que este ano será ademais o Gran Premio Borja Gómez Méndez.

A música de Tanxugueiras, A Banda da Loba, Grupo América ou Broken Peach, así como espectáculos para a infancia e o tradicional lanzamento de globos, formarán parte da celebración de San Miguel do 29 de setembro ao 3 de outubro para pór o broche ás Festas de Setembro en Ponteareas. A celebración destas Festas conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da AGADIC, a través dos programas Musigal e Cultura no Camiño respectivamente.

O Corpus na Semana Verde
Silleda converterase nestes días no mellor escaparate para o Corpus de Ponteareas. O Concello participará dende este venres ata o vindeiro domingo na Semana Verde de Galicia formando parte do stand do Xeodestino Condado-Paradanta, onde dará a coñecer a todo o público participante a única festa galega de arte efémero declarada de Interese Turístico Internacional.

Trátase dunha oportunidade “para achegar unha das nosas festas máis emblemáticas aos miles de visitantes que pasan cada edición por esta feira que acolle unha morea de certames turísticos paralelos, como Turexpo Galicia ou Festur”, como salienta a concelleira de Turismo, Eva Gil Solla.

Durante tres días, as e os participantes na feira de Silleda poderán descubrir o gran patrimonio cultural ponteareá dunha festa coa arte floral como protagonista e que cada ano se vive de forma intensa nas rúas do municipio. O Xeodestino ocupará o stand 24, situado no pavillón 1, onde se promocionará o territorio e as súas festas de interese turístico como destino.